- A concelleira de Cultura avanza as actividades que se desenvolverán o vindeiro mes
- Convídase a todos os centros educativos a participar na inauguración o 22 de novembro da exposición do Matemático de Bermés, con marcado carácter didáctico, e tamén a visitala ata o 13 de decembro, concertando visita previa no Museo
Paz Pérez, concelleira de Cultura, anuncia que o venres, 22 de novembro, ás 20.30 horas inaugurarase no Museo Municipal a exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”. Unha mostra que reúne o legado do que foi o primeiro científico galego internacional, promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración co Concello de Lalín, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, no marco dos actos do 200 bicentenario deste ilustre lalinense, elixido “Científico Galego do Ano” pola RAGC.
Unha exposición que, procedente de Compostela, se poderá ver en Lalín ata o 13 de decembro, e que posteriormente viaxará a lugares como Madrid, onde o Matemático dirixiu o Observatorio Astronómico. A responsable municipal de Cultura incide en que “ten un marcado carácter didáctico, polo que se convida a todos os centros educativos a participar na inauguración para que o alumnado coñeza facetas inéditas deste lalinense sublime (contribuíu ao desenvolvemento das matemáticas, da astronomía, da xeodesia, da mineroloxía...) e tamén a que se acheguen a vela ata o 13 de decembro concertando visita previa no Museo no 986 78 40 04”.
Nela poderase ver, por exemplo, un metro de 1817, a acta de nacemento do Matemático, o teodolito de Domingo Fontán (discípulo do Matemático), documentos antigos e instrumental diverso dos séculos XVIII e XIX, ademais da primeira biografía do homenaxeado realizada polo astrónomo Ramón Mª Aller.
Ademais a exposición acompáñase dun folleto ilustrado realizado polo Concello de Lalín sobre a vida do científico de marcado carácter didáctico. A mostra inclúe así mesmo dous vídeos: un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico, elaborado polo Consello da Cultura Galega, sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida.
A referida mostra abrangue unha visión moi completa do persoeiro recollendo cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán.
No eido da Astronomía, dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidade Central, xerme da actual Universidade Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado sen inscrición na igrexa de Santo Agostiño, descubríndose o pasado 1 de outubro unha placa conmemorativa dentro dos actos conmemorativo do seu bicentenario.
O venres, 8 de novembro, ás 20 h, no Museo Municipal, presentarase o catálogo correspondente á exposición “Wily, sempre Wily” e clausurarase dita mostra dedicada a este artista lalinense, un dos escultores máis rompedores da artes galega. O mesmo día e partir das 20.30 horas no Salón Teatro terá lugar o concerto de piano “Colección Romántica” de David Taboada (piano) e Sergio Alba (voz).
O domingo 10 terá lugar ás 18 h no Salón Teatro a actuación Shado El Mago “Cleptomago”. As entradas están a venda no Concello de 8 a 15 h ou en woutick.es.
O mércores 20 o “Rato Pérez” chegará ao Salón Teatro: de 11 a 12.30 horas no Salón Teatro e o xoves 21 haberá nova sesión, tamén para escolares, ás 11.
Concertos de Santa Cecilia
Novembro é o mes da patroa dos músicos e por iso, como é tradicional, desenvolveranse os concertos das bandas en honor a Santa Cecilia, de acordo á seguinte programación:
- sábado 23 de novembro, 12.15 h, concerto de Santa Cecilia da Banda de Música de Vilatuxe, no auditorio de Vilatuxe
- sábado 23, 12.30 h, Concerto de Santa Cecilia das tres bandas pertencentes á Banda de Música de Lalín na sala Tuno Valdés
- sábado 23, 13 h. Concerto de Santa Cecilia da Lira de Prado no campo da festa de Prado
- domingo 24, ás 12.30 h no auditorio de Muuimenta, Concerto de Santa Cecilia da Banda de Música de Muimenta
Tamén en novembro, o venres 29, procederase ao acendido das Luces de Nadal ás 19.30 e a inauguración dos escaparates máxicos, unha novidosa iniciativa que crea un percorrido polo comercio local a través das Aldeas de Nadal.
Ciclo Cultural de Cercio
Tamén, xa desde o 31 de outubro e ata o 6 de decembro, inclusive, desenvolverase o Ciclo Cultural da Asociación Cultural A Carballeira de Cercio, que abrangue un conxunto moi diverso de actividades desde magosto popular (xoves, 31 de outubro), ata a celebración dos Días da Música e da Banda de Mato (sábado, 16 de novembro), Día da Muller (sábado, 23 de novembro), Día da Ilusión (sábado, 30 de novembro) ou Día de Varela Buxán (venres, 6 de decembro).
Así o sábado 16 de outubro terá lugar a celebración do Día da Música e da Banda de Mato no centro social de Cercio coa actuación da Banda Xuvenil de Muimenta ás 17.30 h e de Odaiko e Vanesa Muela ás 18.30 horas.
O domingo 17 desenvolverase a actuación da Coral Polifónica de Lalín na igrexa parroquial de Cercio.
O sábado 23 celebrarase o Día da Muller cunha mesa redonda titulada “A importancia da muller no folclore tradicional” ás 17.30; unha actuación da Escola de Baile “A Carballeira de Cercio” ás 18.30 h e o grupo “Arume de Verdillo de Carballo” a partir das 19 horas.
E o sábado 30 de novembro celebrarase o Día da Ilusión no centro social de Cercio coa sesión de cine “Al revés 2” ás 17 horas, chocolatada popular ás 18.30 e espectáculo de maxia ás 19 h.