-
A concelleira de Emprego anuncia tamén que en decembro se iniciará un obradoiro dual de emprego para 20 alumnos/as que se formarán en forestais e albanelería
-
Remarca que o <Lalín Verde> acomete as últimas actuacións antes de seu remate o 30 de novembro
-
Resalta a aposta de goberno por mellorar a empregabilidade da veciñanza
-
En total durante este ano 50 veciños lalinenses terán participado nestes programas de emprego, onde se combina un traballo remunerado coa formación correspondente
A concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, anuncia que “o luns 14 de outubro dará comezo un novo obradoiro de emprego xuvenil dirixido a lalinenses menores de 30 anos no que se formarán en organización e xestión de almacéns e xestión e control de aprovisionamento; un obradoiro dunha temática innovadora no que se formarán ao longo dun ano dez alumnos/as seleccionados/as que van formar parte dun dos traballos máis demandados na actualidade”. “Este obradoiro verase complementado cun módulo de inglés e outro de informática que lle contribuirá a dar unha maior cualificación do sector”, remarca.
Canda sinala que “este novo programa de emprego dará comezo antes de finalizar o obradoiro de emprego dual <Lalín Verde> que se está levando a cabo neste momento e cuxo fin está previsto para o 30 de novembro”. “O alumnado deste obradoiro formouse durante un ano nas especialidades de Xardinería e Atención Sociosanitaria e neste momento xa están acabando todo o programa de actuacións que estaban previstas”, sinala.
Así mesmo avanza que “a principios de decembro dará comezo un obradoiro dual de emprego para 20 alumnos/as máis que se formarán en forestais e albanelaría durante nove meses” e resalta “a aposta do goberno por mellorar e empregabilidade da poboación lalinense”. Neste sentido remarca “o esforzo que desde o Concello facemos por presentar proxectos que sexan capaces de merecer a adxudicación dos mesmos, xa que son programas moi solicitados por todos os concellos á Xunta de Galicia: así Lalín é un dos municipios beneficiados, de entre os seis proxectos xuvenís concedidos pola Xunta na provincia de Pontevedra”.
Durante este ano 2024 terán participado nestes programas de emprego, onde se combina un traballo remunerado coa formación correspondente, 50 veciños lalinenses.