- No que vai de ano recibiron este detalle de benvida 30 menores de 28 unidades familiares
- O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante todo o ano
O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias; a concelleira de Política Social, Carmen Canda Larroy, e o edil de Seguridade Cidadá, Pablo Areán González, entregaron hoxe as cestas de benvida á natalidade a 14 familias, sendo tamén 14 o número de menores beneficiarios. O rexedor felicitou ás familias e deulle as grazas por contribuír a facer Lalín.
Estas cestas están compostas por varios produtos básicos para o coidado dos recén nacidos e como recibimento do Concello a estes novos lalinenses: Manuel, Lara, Celia, Artai, Valeria, Duarte, Noa, Ángela María, Breixo, Tirso, Gaia, Sofía, Zoe e Xulia. Neste caso as familias benefactoras son residentes no casco urbano e nas parroquias de Bendoiro, Santiso, Cangas e Soutolongo.
No que vai de ano presentáronse 40 solicitudes. Na primeira entrega de cestas beneficiáronse 16 menores de 14 unidades familiares e nesta 14 menores de 14 unidades familiares. Están pendentes de resolución 10 solicitudes.
Os requisitos para poder beneficiarse destas axudas son: ser proxenitores dunha crianza nacida durante o 2024 e estar empadroadas no Concello de Lalín todas as persoas integrantes da unidade familiar así como permanecer empadroadas durante dous anos seguintes á concesión da axuda.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante todo o ano 2024. Para aqueles nacementos, adopcións ou constitucións de tutela que se produzan no mes de decembro de 2024, o prazo estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2025.