Unha delegación de 7 lalinenses partirá o vindeiro mércores 2 de outubro para a localidade alemana de Linden/Holstein para asistir ás Xornadas Europeas da federación de vilas europeas irmanadas “Linden saúda Linden”, da que o Concello de Lalín forma parte dende 2004, e que terá lugar entre o 2 e o 6 de outubro.
Por tal motivo, o grupo reuniuse hoxe no consistorio municipal para planificar tanto os aspectos loxísticos da viaxe como os puntos a tratar durante o encontro.
A delegación lalinense está conformada por 3 membros activos de CIRLA (o colectivo civil que dende 1998 coordina, en colaboración co Concello de Lalín, as actividades deste irmanamento en Lalín), un representante xuvenil de dito colectivo, unha participante do intercambio xuvenil deste verán en Alemaña, e dúas representantes do grupo de goberno lalinense en representación do Concello de Lalín, entre elas, a tenente de alcalde, Paz Pérez, e a concelleira Karen Fernández, pois non hai que esquecerse que este intercambio é de carácter institucional entre os 6 municipios europeos irmanados: St. Georgen am Walde (Austria), Linden/Holstein (Alemaña), Linden/Lubbeek (Bélxica), Lalinde, (Francia), Lalín e Land van Cuijk (Países Baixos).
Ademais de valorar os intercambios xuvenís realizados nos dous últimos anos e traballar sobre os recursos a utilizar para a preparación, financiamento e diseminación dos resultados obtidos durante os respectivos proxectos, nas xornadas europeas comezarase coa planificación das actividades deste colectivo internacional para os vindeiros anos. Tamén se aproveitará a ocasión para conmemorar o 50 aniversario da creación do irmanamento “Linden saúda Linden”, o que o converte nunha das organizacións supranacionais paneuropeas aínda vixente máis antigas do continente.
Por último, tamén se escollerá por votación o/a novo/a Presidente/a de “Linden saúda Linden” para os vindeiros anos.