- A sección de xardinería do obradoiro realizou todos estes traballos de acondicionamento exterior durante agosto, mes no que o persoal do obradoiro non parou, para poder aproveitar os días bos a fin de executar con maior eficacia todas estas actuacións
A sección de Xardinería do obradoiro de emprego “Lalín Verde” do Concello de Lalín realizou entre as súas últimas actuacións distintos labores de acondicionamento e mantemento nos xardíns da gardería do Polígono Lalín 2000; no Pazo de Liñares; no xardín exterior situado xunto ao CEIP Manuel Rivero e no paseo do Pontiñas. Así o sinala a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que explica que “na gardería do Pontiñas os principais traballos realizados foron a colocacion de dúas zonas de céspede artificial; reparación e substitución do sistema de rego; sementado de céspede nas zonas onde non se colocou o céspede artificial; deseño de dúas zonas de xardín coa colocación de madeiras e de corteza”.
Canda Rodríguez indica que “a segunda das actuacións levouse a cabo no Pazo de Liñares co desbroce completo de toda a finca, tanto exterior como interior dianteiro e traseiro e a limpeza en profundidade dos estanques interiores”.
Así mesmo explica que “a actuación no xardín do colexio Manuel Rivero consistiu en retirar toda a malla e maleza existentes, no acondicionamento do terreo para a plantación de hortensias de inverno e e proximamente encherase con corteza de pino a parte superior”.
“Completan o conxunto de últimas actuacións da sección de Xardinería de Lalín Verde a reparación das mallas que hai no solo das pontes de madeira do Pontiñas que principalmente estaban rotas nos acceso ás pontes, xunto cun desbroce global de todo o paseo”, subliña Canda.
Todos estes traballos foi posible executalos porque o obradoiro non parou durante o mes de agosto, a fin de poder aproveitar os días bos para a realización das actuacións exteriores con maior eficacia.