A rede galega de praias sen fume, promovida polo programa de Promoción de Vida sen Tabaco da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade vén de outorgar ao Concello de Lalín a acreditación de Ouro. A concelleira de Sanidade, Noelia Seijas, amosa a satisfacción do goberno por esta “boa nova, posto que aínda que en anos anteriores xa obtiveramos o distintivo de <praia sen fume>, esta é a primeira vez que conseguimos ademais a máxima distinción desta rede galega de praias sen fume”. Esta distinción obtense, no caso dos concellos que teñen só unha praia como Lalín (a fluvial de Pozo do Boi), cando o municipio leva un mínimo de cinco anos de permanencia no programa.
Deste xeito, Lalín convértese nun dos 45 concellos galegos coa categoría de ouro deste proxecto que a Consellería de Sanidade puxo en marcha en 2016 e que conta coa adhesión de 82 concellos, dos que 8 conseguiron nesta edición a categoría de prata ao contar con máis do 50% das súas praias sen fume.
En concreto, foron recoñecidos co diploma de ouro os concellos de: Lalín, Cedeira, Cabanas, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños, Muros, Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga, Castrelo de Miño, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.
Pola súa banda, acadaron a categoría de prata os areais dos concellos de Camariñas, Fene, Ortigueira, Viveiro, Cambados, Mondariz, Poio e Soutomaior.
O obxectivo esta rede é limitar o consumo do tabaco en espazos naturais e protexer a saúde da poboación galega, ao tempo que preservar a medio natural. Ademais esta iniciativa promove a desnormalización do consumo de tabaco entre os máis novos, o que é unha das claves para previr o inicio do tabaquismo nas novas xeracións para promover un modelo social máis saudable.
Os últimos datos do Sistema de Información de Consumo de Risco en Galicia revelan que o 19% da poboación galega maior de 16 anos é fumadora, cunha prevalencia máis alta no grupo de 25 a 44 anos (25%). Ademais, o 25% da poboación está exposta ao fume do tabaco de forma diaria ou ocasional. Polo tanto iniciativas coma esta de praias libres de fume contribúen á loita contra o tabaquismo e ademais contribúe a manter limpos os espazos naturais, evitando que as cabichas –un dos residuos máis contaminantes e difíciles de degradar– acaben nos areais.