-
A concelleira de Emprego indica que ao longo dun ano os 10 alumnos/as seleccionados/as formaranse nun dos traballos máis demandados na actualidade, tanto por grandes, como medidas e pequenas empresas
-
Os/as mozos/as menores de 30 anos interesados en participar deberán estar inscritos na Oficina de Emprego da Xunta e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
O Concello de Lalín porá en marcha a mediados de outubro un novo obradoiro, que lle vén de conceder a Xunta de Galicia, no que mozos/as menores de 30 anos se formarán en xestión de almacéns, inglés e programación access. Así o anuncia a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que remarca “o carácter pioneiro a nivel galego deste obradoiro” e o “gran esforzo realizado polo Concello para contar con este obradoiro de temática innovadora, no que se formarán ao longo dun ano os 10 alumnos/as seleccionados/as que van formar parte dun dos traballos máis demandados na actualidade, tanto por grandes, como medidas e pequenas empresas”.
“A formación inclúe formación e práctica en xestión de almacén, o inglés necesario para realizar este traballo e o manexo de aplicacións en access que permitan a xestión informatizada do mesmo”, explica a concelleira. Ao termo do obradoiro obtense un certificado de profesionalidade do nivel 3 e máis de 1.000 horas de prácticas en diferentes tipos de almacéns. As persoas participantes formaranse así en áreas de gran demanda ao tempo que percibirán un salario de máis de 1.300 euros (salario mínimo interprofesional).
A que tipo de persoas vai dirixido
Canda indica que “o perfil ao que este obradoiro vai dirixido é moi amplo e algúns dos exemplos son: mozos/as que non obtiveron a nota de corte para acceder á carreira universitaria desexada e queiran ter a súa primeira experiencia laboral; persoas que remataron a súa formación e queren ter unha oportunidade de traballar en Lalín sen ter que irse fóra e tamén todas aquelas que unha vez rematado o Bacharelato pensan en facer oposicións e compatibilizalo cunha formación-traballo, entre outras moitas casuísticas que se poden contemplar ao analizar os requisito mínimos necesarios para poder participar”.
A responsable municipal indica que “os requisitos mínimos necesarios para poder participar no proceso de selección son: ter entre 18 e 30 anos, posuír como mínimo o título de Bacharelato, un certificado de profesionalidade de nivel 3 ou un certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia, ou os requisitos de acceso aos ciclos formativos de grao superior, ou ter superada a proba de acceso á universidade para persoas maiores de 25 anos, ou ter superadas as competencias claves necesarias”. “As persoas interesadas en participar neste obradoiro deberán ademais estar inscritos na Oficina de Emprego da Xunta en Lalín e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil”, sinala. “Para máis información poden dirixirse á oficina municipal de Emprego, emprego@lalin.gal”, sinala.