A responsable da Concellería de Novas Tecnoloxías subliña que a implicación do persoal municipal foi clave para conseguir finalizar este fito antes de tempo, que se realizou ademais en horario laboral sen que se vise afectado o funcionamento de ningún servizo
Raquel Lorenzo indica que o departamento municipal de Novas Tecnoloxías traballa con ferramentas do Centro Criptológico Nacional e en colaboración directa coa AMTEGA para minimizar o impacto de ciberataques e para que os servizos municipais non se vexan afectados
O CONCELLO DE LALÍN CONCLÚE A MIGRACIÓN Á NUBE CON VINTE DÍAS DE ANTELACIÓN SOBRE A DATA PREVISTA
A responsable da Concellería de Novas Tecnoloxías subliña que a implicación do persoal municipal foi clave para conseguir finalizar este fito antes de tempo, que se realizou ademais en horario laboral sen que se vise afectado o funcionamento de
ningún servizo
Raquel Lorenzo indica que o departamento municipal de Novas Tecnoloxías traballa con ferramentas do Centro Criptológico Nacional e en colaboración directa coa AMTEGA para minimizar o impacto de ciberataques e para que os servizos
municipais non se vexan afectados
Sábado, 10 de agosto de 2024
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, anuncia que “veñen de concluír os traballos de migración de toda a plataforma informática do Concello de Lalín á nube, vinte días antes do previsto”. Fai fincapé que “a implicación do persoal municipal foi clave para desenvolver este complexo proceso e rematalo antes da data, un fito que se realizou en horario laboral e sen que se vise afectado ningún servizo municipal nin a atención ao público”.
Lorenzo explica que “o traslado do sistema informático á nube obedece á necesidade de garantir (por lei) a confidencialidade, integridade e dispoñibilidade dos datos que manexa o Concello as 24 horas do día e os 365 días do ano”. “Estes son os piares sobre os que se asenta a xestión da seguridade da información que xunto á autenticidade e á trazabilidade garanten á cidadanía que os seus datos non foron alterados”, precisa.
Raquel Lorenzo indica que “inda que nalgún momento seremos atacados por ciberdelicuentes, non sabemos cando, polo que traballamos para minimizar o impacto destes ataques e para que os servizos municipais non se vexan afectados”.
Sistema de recuperación inmediata
A responsable municipal subliña que “o departamento municipal de Novas Tecnoloxías, contando coa colaboración inestimable da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), traballa con ferramentas do Centro Criptológico Nacional (CCN) dependente do Ministerio de Defensa, monitorizando e analizando de forma continua os equipos; dispoñemos dun plan de recuperación contra desastres e dun sistema de recuperación inmediata ante ciberataques. En breve, a AMTEGA daranos acceso a un SIEM da marca IBM, unha tecnoloxía de última vangarda, que analizará millóns de datos en tempo real en busca de patróns anómalos dentro da nosa rede”.
Avanza que “con todo isto, Lalín está en disposición de conseguir a certificación do Esquema Nacional de Seguridade (ENS), norma creada e promovida polo CNN, que representa a garantía de estar cumprindo os requisitos de seguridade da información esixidos legalmente, tanto ás institucións públicas como a aquelas empresas privadas que presten servizos ás mesmas”.
“Antes de finais de ano o noso sistema será auditado por organismos autorizados para valorar o cumprimento, no caso de conseguir a certificación, Lalín sería o primeiro concello de Galicia en tela”.