A previsión do director científico do Starlight Lalín, José Ángel Docobo, é que se poidan ver múltiples meteoros, pero dependerá das condicións meteorolóxicas locais
O Concello dentro da súa programación Lalín Starlight 2024, promove ao igual ca o ano pasado, unha saída nocturna ao Alto de Rodelas o vindeiro luns, 12 de agosto, para observar a “chuvia de estrelas Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo”. A sesión estará dirixida polo catedrático de Astronomía da USC e director científico do Starlight Lalín, José Ángel Docobo.
Sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen, para as persoas anotadas previamente, o autobús sairá ás 21.45 h do monumento ao aviador Loriga con regreso ás 24 h. Quen non o estea, poderá desprazarse de modo particular a Rodelas para participar na observación, que contará así mesmo cun telescopio portátil para ver outros obxectos interesantes.
De acordo ás explicacións do director científico do Starlight Lalín, José Ángel Docobo “aínda que os meteoros desta ´choiva de estrelas´ poden observarse esporadicamente a simple vista desde mediados de xullo ata finais de agosto, nos últimos anos a máxima intensidade adoita rexistrarse na noite do día 12 ao 13 do mes actual”.
“A fase que a Lúa teña estes días, á parte da condicións meteorolóxicas locais, xoga un papel fundamental para o visionado correcto das Perseidas”, explica. “Este ano a Lúa está en cuarto crecente e non representa un problema importante posto que o noso satélite irá baixando cara ao oeste nas primeiras horas da noite, dependeremos polo tanto en maior medida do factor tempo”, remarca.
Docobo sinala que “hoxe en día sábese que estas trazas luminosas que observamos son producidas cando a Terra atravesa unha zona pola que antes pasou un cometa, deixando tras de si un regueiro de partículas que vai perdendo pola acción do Sol, algunhas das que poden ter o tamaño dun grao de arroz e a maior parte delas aínda menos”. “A entrada na nosa atmosfera destes minúsculos corpos (meteoroides) a unha velocidade de varias ducias de quilómetros por segundo fai que se consuman completamente debido ao rozamento, producindo a luz típica dos meteoros”, precisa.
Docobo subliña que “o nome de Perseidas que recibe esta estival "choiva de estrelas" débese a que aparentemente semellan vir da constelación de Perseo (radiante), a cal sae en Galicia a medianoite cara ao nordeste. Estes meteoros son coñecidos desde a antigüidade pero non foi ata o século XIX cando o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli advertiu da súa relación co paso do cometa 109P/Swift- Tuttle, o cal fora descuberto en 1862 por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle en Estados Unidos”.
“A mellor maneira de poder observar as Perseidas é estar deitado mirando sobre todo cara enriba e ao leste nun lugar suficientemente lonxe dos núcleos de poboación, onde a contaminación luminosa sexa mínima e onde tamén teñamos un horizonte ben despexado”, puntualiza. “A previsión é que poidan chegar a verse ata uns cen meteoros hora, incluíndo os meteoros máis febles, imposibles estes de verse dentro de zonas con luces parasitas”, afirma.
As persoas que se acheguen deberán ir con roupa axeitada e a poder ser cunha manta porque o mellor xeito de agardar polas Perseidas é estar deitado mirando ao ceo, ou no seu defecto desde unha cadeira plegable. Tamén é importante ir provistos dunha pequena lanterna non só para ver on dese anda senón tamén para cotexar o planisferio.
Agora o máis importante é poder contar cun ceo despexado.
As coordenadas de Rodelas son:
1-Alto de Rodelas (parroquia de Maceira, a 4.6Km. do centro da vila de Lalín).
Latitude: +42º.654167
Lonxitude: --8º.06944
Altura: 743m.
É intención do Concello continuar desenvolvendo proximamente novas actividades de promoción e difusión do “Destino Starlight” para incrementar o atractivo turístico do municipio sobre todo no que se refire ao mapa astronómico e científico. Lalín é actualmente un dos sete destinos Starlight galegos e historicamente berce da investigación astronómica en Galicia, iniciada por Ramón Mª Aller a comezos do século XX. Este ano conmemórase tamén os 200 anos do falecemento doutro Fillo Ilustre, José Rodríguez González, o Matemático de Bermés, quen pode ser considerado coo primeiro gran home das Ciencias en Galicia.