Será este sábado 10 de agosto, ás 12 horas, no Museo Municipal ofrecida polo médico adxunto do Servizo de Urxencias do Hospital de Toledo, Miguel Ángel González Canomanuel
-
A concelleira de Cultura anima a toda a veciñanza a participar nesta “conferencia que promete ser moi interesante na que descubriremos aspectos inéditos do noso Fillo Ilustre da man dunha personalidade experta neste eido como é o doutor Miguel Ángel González”
O vindeiro sábado, 10 de agosto, terá lugar unha conferencia en homenaxe ao Fillo Ilustre, o aviador Joaquín Loriga, que tratará sobre un aspecto pouco coñecido da súa traxectoria, como foi a súa contribución á creación dun servizo aéreo sanitario español destinado ao transporte de emerxencias e á evacuación de enfermos e feridos, que foi pioneiro na España da década de 1920. A dita conferencia será ofrecida polo médico adxunto do Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Toledo, Miguel Ángel González Canomanuel, autor tamén dunha tese sobre aviación sanitaria.
Este relatorio terá lugar ás 12 horas no Museo Municipal Ramón María Aller, no marco da programación municipal “Chegou agosto”. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, anima á veciñanza lalinense a participar pois “trátase dunha conferencia que promete ser moi interesante na que descubriremos aspectos inéditos do noso Fillo Ilustre da man dunha personalidade experta neste eido como é o doutor González Canomanuel”.
Baixo o título “Galicia, protagonista do comezo da aviación sanitaria española", Miguel Ángel González Canomanuel enfocará a súa exposición sobre Loriga como pioneiro da aviación sanitaria española canda a outra galega, de Láncara, Elvira López Mourín, primeira enfermeira que participou nun voo militar en España. É dicir, tratará sobre a perspectiva de Loriga (piloto e enxeñeiro aeronáutico) e López Mourín como creadores dunha nova actividade sanitaria-aeronáutica anos anos 20 en España, e que comezaba neses mesmos anos nos principais países desenvolvidos. Un fito histórico cuxos protagonistas pasaron ao esquecemento para o público xeral e para os profesionais que traballan actualmente neste campo e que González Canomanuel e o Concello de Lalín pretenden recordar e poñer en valor.
Cómpre destacar o talento e a valentía que tiveron estes pioneiros por dar solución á evacuación dos feridos dos campos de batalla a través da vía aérea e así evitarlles unha morte segura durante o seu traslado.
Tamén se pretende facer fincapé na actividade sumamente transcendental de Loriga para a aeronáutica española. Destaca a súa participación na guerra de Marrocos e no histórico desembarco de Alhucemas que constituíu a primeira operación aeronaval da historia mundial, así como o primeiro voo certificado por observadores internacionais do autoxiro e por exercer a xefatura do primeiro grupo de aviacións sanitarios, fazañas polas que foi mutliplemente condecorado.