O Concello de Lalín convocou este mediodía unha concentración de repulsa polo asasinato dunha muller no barrio coruñés de Labañou (A Coruña).
A tenente alcalde, Paz Pérez, indicou que con esta concentración queremos manifestar o rexeitamento contra esta lacra que é a violencia machista. Esta é a segunda vítima mortal en Galicia no que vai de ano e xa son 28 o número de vítimas mortais da violencia de xénero en 2024 e 1.272 mulleres asasinadas polas súas parellas desde que comezaron os rexistros cando se implantou o sistema VioGén de seguimento integral dos casos de violencia en 2003.
Recordamos que o teléfono gratuíto 016 atende a todas as vítimas de violencia machista durante as 24 horas do día e que no Concello de Lalín temos o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a Oficina de Igualdade a disposición de todas as persoas que precisen asesoramento e acompañamento ante situación de violencias machistas, así como as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local. Indicou que é fundamental na loita contra esta lacra a prevención, a formación e a educación en igualdade desde as idades máis temperás.