Participaron nunha recepción brindada polo concelleiro de Xuventude, Avelino Souto
Os 15 mozos e mozas que están a participar no campo de voluntariado nacional “Tradición en Verde” promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Lalín foron recibidos esta tarde na casa consistorial polo edil de Xuventude, Avelino Souto.
Estes rapaces de entre 18 e 30 anos procedentes de Madrid, Valencia, Badaxoz, Ciudad Real, Guipúscoa, Gerona, Navarra e Barcelona e de distintos lugares de Galicia, están a tomar parte ata o 12 de agosto en actividades de carácter arqueolóxico, etnográfico e ambiental e en actividades de ocio como visitas por Lalín ás Fragas de Catasós e á praia fluvial de Vilatuxe. Tamén irán de excursión á praia da Lanzada, ao embalse de Portodemouros, e ademais tomarán parte en actividades complementarias de canoa-kayak, baile e danzas tradicionais galegas, cestería ou xogos tradicionais.
No día de hoxe os labores voluntarios dedicáronse ao castro de Doade, onde se lles explicou que a zona do Deza é moi rica neste tipo de xacementos arqueolóxicos. Comezaron as súas tarefas motivados, axudando ao mantemento dirixidos polo persoal do Museo Casa do Patrón, que lle explicaron o avance das distintas campañas de escavación e como este ano conseguiron musealizar parte do castro, permitindo aos visitantes entender mellor a cultura castrexa e ese xacemento en particular.
Esta tarde ademais de coñecer o Castro Tecnolóxico, visitarán o centro de Lalín, o Museo de Castro Deza e as piscinas municipais. A noite estará dedicada a aproximarse ás lendas galegas para así dar coñecer a personaxes mitolóxicos como as meigas, mouras, trasnos, lobishomes, etc.