-
A seguinte actividade, coa que se pechará este ciclo “Verán Astronómico en Lalín” será a Noite das Perseidas o 12 de agosto, para a que están as prazas cubertas, se ben as persoas que o desexen poderán achegarse co seu coche ao Alto de Rodelas
Onte tivo lugar no marco do “Verán Astronómico de Lalín” un visionado desde o Alto de Rodelas, a través dun telescopio instalado e manexado por Xabier P. Couto, matemático, actualmente investigador predoutoral na Universidade da Coruña e colaborador do OARMA, e no que participaron unhas corenta persoas que puideron observar diversas constelacións, corpos celestes e incluso a Galaxia de Andrómeda, que está situada fóra do noso sistema solar. Previamente ao visionado, o profesor, catedrático de Astronomía e coordinador de investigación do OARMA, José Ángel Docobo, ofreceu unha charla didáctica.
Este ciclo de actividades finalizarán o vindeiro luns 12 de agosto coa Noite das Perseidas, que terá por obxecto fundamentalmente poder contemplar a simple vista máis meteoros, sempre coa explicación de persoas especialistas. Neste caso as prazas para ir en autobús están todas cubertas, se ben as persoas que o desexen poderán achegarse ata o Alto de Rodelas co seu propio coche.
Cómpre recordar que o Concello de Lalín obtivo este recoñecemento internacional de calidade turística en abril de 2023, tras un longo proceso para poder acreditar os estándares de calidade requiridos para obter esta distinción. Xa o verán pasado se desenvolveu un ciclo municipal de actividades de promoción do astroturismo e tamén Lalín participou hai algúns meses na “Noite Mundial Starlight”
É intención do Concello continuar desenvolvendo proximamente novas actividades de promoción e difusión do “Destino Startlight”, algunha delas con carácter innovador para incrementar o interese turístico do municipio sobre todo no que se refire ao mapa astronómico e científico.
Lalín é un dos sete destinos Starlight que actualmente existen en Galicia xa que contan con esta distinción: o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia; A Costa da Morte; Trevinca; Muras; a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá.