O CIM é un servizo municipal, subvencionado pola Xunta, activo desde 2002 e conveniado con Agolada e Rodeiro desde 2014 que ofrece recursos permanentes para unha intervención global ás mulleres
O Centro de Información á Muller (CIM) atendeu no primeiro semestre de ano un total de 326 consultas, das que 138 se corresponden coa atención a vítimas de violencia de xénero, 67 a asesoramento xurídico, 74 a atención psicolóxica e 47 a información de recursos e outro tipo de consultas. Así o sinala a concelleira de Igualdade, Carmen Canda que pon de relevo “o aumento progresivo, cada ano, de consultas na área de atención integral a vítimas de violencia de xénero, tanto na tramitación de recursos específicos (prestación periódica, bono alugueiro social e teleasistencia) como na atención individualizada de asesoramento xurídico e apoio psicolóxico”.
Canda sinala que “tamén no marco das funcións do CIM realizáronse diferentes actividades como a tramitación da subvención por importe de 10.000 € para actividades a desenvolver por parte das Asociacións de Mulleres de Lalín; a convocatoria da Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero, cunha periodicidade semestral, na que participan diferentes profesionais implicados na atención ás vítimas da Policía Local, Xulgado, Colexio de Avogados, Garda Civil, IES e Subdelegación do Goberno onde se levan a cabo actuacións de coordinación e supervisión na atención directa ás vítimas; a organización de actividades conmemorativas en relación ao 8 de Marzo e ao 25 de Novembro a través do departamento de Igualdade e a coordinación e realización de actividades dirixidas a concellos adscritos á rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provinciais”.
Coordinación con Cruz Roja e Garda Civil
A responsable municipal pon en valor que “o CIM tamén está adscrito mediante convenio de colaboración ao servizo ATENPRO (atención e protección para vítimas de violencia de xénero) da Cruz Roja Española”. “Así mesmo desde o CIM tramítanse as solicitudes para a teleasistencia, ademais de manter colaboración e coordinación constante co punto habilitado no posto da Garda Civil de seguimento de casos de violencia de xénero”.
O CIM é un servizo municipal, subvencionado pola Xunta, activo desde agosto de 2002 e conveniado na prestación de servizos cos concellos de Agolada e Rodeiro desde o 2014. A súa función principal é ofrecer de xeito permanente os recursos desde o que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, prioridade na intervención e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e información sobre os recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma.