-
A responsable da Concellería de Novas Tecnoloxías concreta que a previsión é que a finais de agosto estea concluído este proceso que suporá un investimento global duns 600.000 mil euros e que aforra custos, garante un óptimo nivel de seguridade, licenzas actualizadas e maior capacidade de almacenamento
-
Raquel Lorenzo agradece a colaboración amosada por todo o persoal municipal na implantación deste proxecto que fará de Lalín un referente a nivel tecnolóxico, máxime cando pretendemos certificar ao Concello no ENS a finais deste ano, o que nos converterá no primeiro concello galego en lograr esta acreditación e nun dos primeiros de España da nosa primeira categoría en verificar que o noso sistema cumpre con máximos requisitos de seguridade
O Concello de Lalín ten moi avanzados os traballos de migración de todo o sistema informático á nube e blinda a información dixital. Así o sinala a concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, que concreta que a previsión é que a finais de agosto estea todo este proceso rematado que suporá un investimento global de preto de 600.000 euros nun proxecto a catro anos. Un proxecto que nos sitúa ao Concello de Lalín como punteiro na aplicación de solucións tecnolóxicas e en ciberseguridade, remarca.
Lorenzo explica que para levar a cabo o proxecto, a empresa adxudicataria R (MasOrange) despregou unha liña exclusiva de fibra para o Concello de Lalín de 10 Gbps., 16 veces máis rápida da que se dispuña, conseguindo unha latencia inferior a 2 milisegundos entre o Datacenter emprazado na Coruña e o consistorio lalinense. Desde o pasado 1 de xullo os equipos informáticos municipais xa aloxan neste centro de computación, precisa.
A responsable municipal remarca que para levar adiante este innovador proceso traballan coordinadas con R e co departamento de Novas Tecnoloxías municipal un total de 10 empresas de distintos ámbitos da tecnoloxía como Ayesa; Satec; Exxita; Vodafone; Canon; Wurth; Espublico; Berger-Levrault e Ednon.
Múltiples vantaxes
Lorenzo fai fincapé en que o servizo na nube aforra custos, garante un maior nivel de seguridade, licenzas actualizadas e maior capacidade de almacenamento. Subliña que a nova rede corporativa conta con sistemas de protección a ambos lados, isto é, entre o Datacenter e o propio Concello e cunha nova segmentación en función dos equipos, é dicir, se son impresoras, ordenadores, wifis ou outra clase de dispositivos, ademais dunha liña de respaldo de 1Gbps.
Traballos iniciais
A concelleira remarca que un dos primeiros traballos realizados neste proxecto de migración á nube foi a implantación do paquete ofimático Office 365 que permite o traballo colaborativo, axuda ao cumprimento do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) e facilita a eliminación das sempre perigosas memorias USB na contorna laboral. Os traballos realízanse en horario laboral de xeito que resultan practicamente transparentes para o persoal municipal.
Así mesmo puntualiza que antes da posta en marcha do servizo Cloud (na nube), o Concello realizou unha serie de auditorías para coñecer as distintas debilidades do sistema e ademais impartíronse formacións sobre enxeñería social para coñecer as distintas técnicas de manipulación que usan os ciberdelincuentes e como previrse delas.
A responsable do departamento municipal de Novas Tecnoloxías agradece a colaboración amosada por todo o persoal municipal na implantación deste proxecto que fará de Lalín un referente a nivel tecnolóxico, máxime cando pretendemos certificar ao Concello no ENS a finais deste ano, o que nos converterá no primeiro concello galego en lograr esta acreditación e nun dos primeiros de España de máis de 20.000 habitantes en verificar que o noso sistema cumpre con máximos requisitos de seguridade.