Celebrarase no pavillón polideportivo municipal a partir das 12 horas e renderáselle homenaxe ás persoas maiores, emigrantes e ao matrimonio con máis anos de casados
Desde o martes 30 de xullo poderanse adquirir en recepción do Concello as entradas para poder asistir ao xantar ao prezo de 20 euros por persoa de 60 anos en adiante e gratuíto para nenos e nenas de ata 12 anos
O Concello de Lalín celebrará a XXX Romaría Interxeracional 2024 o sábado, 7 de setembro. Así o sinala a concelleira de Política Social, Carmen Canda, que avanza que terá lugar no pavillón polideportivo municipal a partir das 12 horas e que continuará ata entrada a tarde. Será unha xornada de encontro, convivencia e agradecemento ás nosas persoas maiores e emigrantes, así como ao matrimonio con máis anos de casados do Concello, explica.
A fin de poder asistir ao xantar, composto por empanada, pulpo con patacas, carne ao caldeiro, sobremesa e café e bebidas, faise preciso retirar as entradas na recepción do Concello de Lalín desde o martes 30 de xullo e ata o 4 de setembro, inclusive, en horario de 9 a 13 horas. O prezo será de 20 euros por adulto para maiores de 60 anos, agás para os/as menores de 12 anos para os/as que será gratis.
A Romaría dará comezo ás 12 h cunha misa no pavillón polideportivo municipal. Ao remate terá lugar a actuación dun grupo de gaiteiros e os recoñecementos aos asistentes. Distinguiranse á muller e o hme con máis idade do Concello de Lalín; aquela muller e aquel home que permaneceron máis anos na emigración e tamén se lle renderá homenaxe ao matrimonio con máis anos de casados no municipio. Tras a entrega de distincións terá lugar o correspondente xantar e ao remate o concurso de baile.