Convídase á veciñanza a participar neste acto de posta en valor deste ilustre lalinense cunha traxectoria louvada en publicacións europeas especializadas na arte da reloxería
Os actos darán comezo ás 12 h en Vilanova e consistirán no descubrimento dunha placa na casa natal do homenaxeado no lugar do Barreiro e no descubrimento dun panel informativo e na proxección dun documental sobre a súa vida a partir das 13 h no centro social desta parroquia
O Concello de Lalín organiza para a xornada do sábado, 3 de agosto, a partir das 12 h un acto de homenaxe ao insigne reloxeiro lalinense, Evangelino Taboada Vázquez. Natural da parroquia de Vilanova e falecido en 1954 nun accidente de motocicleta, foi autor, entre outros moitos méritos e fazañas no seu campo, do reloxo sideral que realizou en 1945 para o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con outro ilustre lalinense, Ramón Mª Aller, e que hoxe segue funcionando.
O acto de homenaxe dará comezo diante da casa do homenaxeado no lugar do Barreiro en Vilanova coa recepción de autoridades amenizada pola Banda de Gaitas Carballo da Manteiga para a partir das 12 h iniciarse o acto coas intervencións de autoridades (do alcalde de Lalín, José Crespo; do Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén e do profesor José Ángel Docobo) e dos familiares de Evangelino Taboada.
De seguido terá lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa diante da casa natal do homenaxeado e a lectura dun poema por parte da familia. A continuación interpretarase o himno galego e unha peza final por parte de Carballo de Manteiga.
O recoñecemento continuará a partir das 13 h noutro espazo, no centro social de Vilanova, onde se descubrirá un panel explicativo sobre a vida de Evangelino Taboada e se visualizará tamén un documental sobre a súa traxectoria titulado “O reloxeiro Evangelino Taboada, o último construtor de reloxos de Galicia”, realizado pola produtora Adivina co patrocinio da Agadic da Xunta de Galicia. Desde o Concello de Lalín convídase ao conxunto da veciñanza a participar nesta homenaxe para contribuír entre todos a poñer en valor a figura deste ilustre lalinense cunha traxectoria louvada en prestixiosas publicacións europeas especializadas na arte da reloxería.
Con esta homenaxe dáse tamén cumprimento a unha proposta de Alcaldía de honrar e divulgar, na medida do posible, a vida e obra do eminente reloxeiro lalinense Evangelino Taboada Vázquez (O Barreiro, Vilanova, 1897- Cotobade, 1954) con algún acto ou homenaxe que deixe memoria e sirva de distinción pública do seu meritorio labor. Unha homenaxe coa que tamén o Concello dá resposta ás solicitudes de persoas coñecedoras da biografía deste ilustre dezao como a súa filla María Elena Taboada Otero, varios veciños de Vilanova e o Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén, que ten realizado diversos traballos biográficos sobre Taboada: entre eles, unha primeira biografía do reloxeiro en 1999, a pedimento do alcalde José Crespo Iglesias; incluída no Anuario Descubrindo do Seminario de Estudos de Deza e realizada en base aos apuntamentos da súa filla María Elena Taboada Otero ou outra biografía en 2005 por encargo da Real Academia de Historia para o Dicionario Biográfico desta Academia onde figuran doce personaxes dezaos. Cómpre destacar así mesmo que en 2014 a súa filla publicou o libro “Una historia para el recuerdo” dedicado á memoria do seu pai.
Así mesmo, Evangelino Taboada aparece mencionado en varias publicacións especializadas de reloxería e en numerosos artigos de prensa e revistas ademais de traballos en medios audiovisuais e na propia rede.
De acordo coa biografía de Evangelino Taboada realizada por González Alén para a Real Academia de Historia, o noso reloxeiro naceu o 14.11.1897 en Lalín e faleceu en Cotobade o 01.08.1954.
“De familia humilde, os seus pais atendían un mesón de arrieiros e taberna na parroquia de Vilanova. Con só dez anos comezou, xunto ao seu irmán Cándido, a aprendizaxe do oficio de reloxeiro da man do seu tío, José Vázquez Vázquez en Lalín. Con tan só quince anos, acompañado polo seu irmán, estableceu o seu propio negocio na vila de Silleda (Pontevedra), onde contraeu matrimonio con María Otero Neira, para, catro anos máis tarde (1919), trasladarse a Vigo, onde instalou o seu novo taller, que co decorrer do tempo chegaría a superar a vintena de traballadores.
Militante activo do Partido Comunista, Taboada, que xa contaba con seis fillos ao comezo da Guerra Civil, sufriu a persecución e pasou varios anos fuxido xunto ao maior dos seus fillos polas aldeas e montes do seu Lalín natal. Neses anos construíu tres reloxos totalmente de madeira valéndose dunha navalla que funcionaban con gran precisión. Un destes reloxos pode verse na actualidade no Museo Quiñones de León da capital viguesa. Na contenda perdeu a un dos seus fillos e, ao recobrar a liberdade, sufriu impotente a morte da súa esposa en 1941.
Coa axuda do seu irmán Cándido reiniciou o negocio en Vigo coa denominación Talleres Taboada, construíndo reloxos de torre para varias casas dos concellos e igrexas parroquiais da provincia de Pontevedra e institucións públicas e privadas de Vigo. Dos seus recoñecidos talleres saíron centenares de reloxos de mesa e de parede atendendo encargos de organismos, empresas e particulares. A súa fama como construtor de reloxos e a boa marcha do negocio levaríano a proxectar unha gran fábrica de reloxos en Vigo, que a súa prematura morte lle impediría realizar.
O traballo máis recoñecido de Taboada foi o reloxo sideral que realizou en 1945 en colaboración co astrónomo e matemático lalinense Ramón M. Aller Ulloa para o Observatorio Astronómico de Santiago de Compostela e que aínda segue funcionando na institución compostelá.
Faleceu traxicamente xunto ao seu irmán Cándido, cando ambos viaxaban a Lalín nunha motocicleta que resultou arroiada por un vehículo oficial. Os xornais da época dedicaron amplos espazos ao tráxico suceso que truncou a vida e os proxectos dos irmáns Taboada. Queda o recordo de milleiros de reloxos que construíron e que aínda funcionan con precisión medio século despois”.
Tal como subliña González Alén, Evangelino Taboada foi membro destacado dunha notable saga de reloxeiros que comezou a finais do século XIX cos seus tíos José María e Casiano Vázquez Vázquez, nativos da parroquia lalinense de Vilanova, discípulos e colaboradores do sabio lalinense Ramón María Aller Ulloa.