A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, dá a coñecer a programación cultural do vindeiro mes
“Chegou agosto”, programación cultural do vindeiro mes abrangue conferencias sobre algúns dos nosos fillos ilustres, actividades de difusión do “Destino Starlight” de calidade turística, exposicións, homenaxes e diversos concertos, tal como o avanza a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.
Así, o venres 2 de agosto terá lugar a inauguración da exposición da Algarabía no Museo Municipal, organizada pola Asociación Cultural O Naranxo, explica.
Blanco anuncia que para a xornada do sábado 3 de agosto o Concello de Lalín organiza a partir das 12 h do mediodía un acto de homenaxe póstuma ao ilustre reloxeiro, Evangelino Taboada Vázquez, que se desenvolverá na súa parroquia, Vilanova, diante da casa natal, no lugar do Barreiro. Un acto ao que se convida a todas as persoas que o desexen a participar. Primeiramente, descubrirase unha placa conmemorativa diante da súa casa e ás 13 h presentarase un documental sobre a súa vida no centro social desta parroquia.
Outro ilustre lalinense, o aviador Joaquín Loriga, centrará a conferencia que na súa homenaxe ofrecerá Miguel Ángel González Canomanuel, médico adxunto do servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Toledo, co título “Galicia, protagonista do comezo da aviación sanitaria española”. Será o sábado 10 de agosto, ás 12 h no Museo Municipal e aberta ao público.
O luns 12 de agosto terá lugar, no marco das actividades do “Verán Astronómico en Lalín” a Noite das Perseidas, que terá por obxecto fundamentalmente poder contemplar a simple vista desde o Alto de Rodelas as Perseidas e máis meteoros, sempre coa explicación de persoas especialistas. Cómpre recordar que estas actividades teñen prazas limitadas e se precisa inscrición previa no Museo Municipal. Para facilitar a asistencia ás persoas participantes (previa inscrición) sairá un bus ás 21.45 horas desde a Praza de Loriga. É importante que as persoas que vaian facer uso do bus o indiquen cando formalicen a súa inscrición na actividade no Museo, polo número limitado de prazas que ten.
Dentro do programa “Concertos de rúa no verán das nosas bandas de música” o sábado 17 de agosto terá lugar a actuación da Banda de Música de Muimenta na rúa Rosalía de Castro; o venres 23 a da Lira de Prado na Praza da Biblioteca Municipal, e o sábado 31 a da Banda de Lalín na Praza da Igrexa. As tres actuacións son ás 20 h e no caso de chuvia celebraranse no vestíbulo do Concello.
O xoves 29 de agosto dedicaráselle unha conferencia ao Fillo Ilustre Ramón Mª Alller, no marco das Xornadas conmemorativas do Seminario de Estudos de Deza (SED) que será ofrecida por Cecilia Doporto e polo catedrático de Astronomía, o profesor José Ángel Docobo.