Xa están instaladas, o Santiago peregrino na zona de descanso en Lalín de Arriba e o porco nas inmediacións da Praza de Abastos
A Escola de Canteiros de Poio cedeu ao Concello de Lalín dúas esculturas que pasarán a formar parte do inventario municipal. Onte, o alcalde de Lalín, José Crespo, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez visitaban os emprazamentos onde se sitúan estas dúas pezas de cantería. Acompañáronos na visita a concelleira de Turismo, Begoña Blanco; a de Sanidade e Hábitos Saudables, Noelia Seijas, e a coordinadora da Escola de Canteiros, Lucía Espiño.
As esculturas son un Santiago peregrino, colocado nunha zona de paso dun dos Camiños de Santiago que cruza Lalín, concretamente na praza do Camiño de Inverno, e un pequeno porquiño, icona da cultura popular de Lalín, situado nas inmediacións da praza de Abastos.
Crespo agradeceu á Escola de Canteiros a cesión destas dúas pezas que “contribuirán a enriquecer o espazo público do noso pobo” e subliñou que esta Escola “sempre se portou ben con Lalín e agora comeza unha nova etapa, integrada na Consellería de Educación que dirixe Román Rodríguez, que a impulsará como centro de FP baixo a coordinación doutra lalinense, Lucía Espiño”.
Estas dúas pezas son mostra do potencial do oficio de cantería en Galicia, un dos máis antigos e representativos, no que é preciso garantir o relevo xeracional.