Este intercambio xuvenil forma parte dos actos institucionais que cada ano se organizan dende a federación de concellos irmanados “Linden saúda Linden”, no que Lalín se atopa integrado dende 2004, e conta co financiamento do programa europeo de mobilidade Erasmus +
Un grupo de 9 mozos e mozas lalinenses de entre 15 e 20 anos, acompañados por un monitor de CIRLA, partiron este sábado con destino á localidade Belga de Linden-LubbeeK, para participar no xa tradicional intercambio xuvenil que terá lugar do 20 ao 29 de xullo, e no que 60 mozos e mozas procedentes das 6 localidades irmás da federación de vilas europeas “Linden saúda Linden”, compartirán experiencias durante 10 días e reforzarán os lazos fraternais que unen as poboacións das comunidades irmandadas dende hai 50 anos.
A temática do intercambio deste ano será a saúde e os hábitos de vida saudables entre a mocidade europea; por tal motivo, os mozos e mozas lalinenses participantes prepararon un traballo sobre os distintos servizos, programas e institucións que promoven a saúde entre a mocidade galega, traballo que presentarán aos participantes dos demais países.
Durante o encontro, visitarán o Parlamento Europeo en Bruselas, o “Teatro Anatómico” de Kruidtuin e algunhas institucións belgas dedicadas ao coidado da saúde. Tamén realizarán actividades físicas (kayak, trekking, laser tag, ioga,...), e manifestacións artísticas, como a preparación dun flashmob.
Este proxecto forma parte dos actos institucionais que cada ano se organizan dende a federación de concellos irmanados “Linden saúda Linden”, no que Lalín se atopa integrado dende 2004, e conta co financiamento do programa europeo de mobilidade Erasmus +.