-
Cerdán explicou o complexo proceso para obter unha fotografía de corpos celestes que pode levar horas e centros de imaxes para obter a definitiva
-
Participaron nela unha trintena de persoas, entre as que se atopaban a concelleira de Turismo e o director científico do Starlight Lalín
-
O ciclo continuará coa Noite das Perseidas e cun visionado desde o Alto de Rodelas, aínda pendente de pechar data en función da climatoloxía
-
Todas as actividades son gratuítas, con prazas limitadas e inscrición previa no Museo
Interesante sesión de astrofotografía a desenvolvida onte no Museo a cargo do experto, Francisco Javier Cerdán, e no marco do “Verán Astronómico en Lalín” na que participaron ao redor dunha trintena de persoas. Cómpre lembrar que as actividades deste ciclo de difusión do “Destino Starlight” son gratuítas, con prazas limitadas e de aí que sexan con inscrición previa. Participaron nela a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, e o director científico de Lalín Starlight, catedrático de Astronomía e coordinador de investigación do OARMA (Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC), o profesor José Ángel Docobo, que recordou que Cerdán xa expuxo en Lalín con motivo da concesión da candidatura do “Destino Starlight” ao noso municipio, en abril de 2023.
Na primeira parte da sesión Cerdán, explicou todos os pasos que hai que dar para obter unha astrofotografía, é dicir, unha imaxe de calquera corpo celeste e tamén relatou como en moitos casos este proceso leva horas para capturar un intre. Hai que empezar montando o telescopio, de noite, e tomar moi diferentes tomas para obter a definitiva. Mostrou unha astrofotografía dunha nebulosa realizada por el. Así mesmo foi explicando as orixes da astrofotografía amosando as primeiras imaxes da Lúa datadas en 1840, as do Sol en 1845 ou dunha nebulosa en 1880.
Dou conta da montaxe do equipo, accesorios a utilizar, tempos e sesións que se precisan para unha foto, procesado e mostra do resultado de varias imaxes, da man do equipo que usa, agás a cámara principal que a ten en reparación. Nunha segunda parte, proxectou en remoto diferentes obxectos cun telescopio preparado para astrofotografía.
Este ciclo de actividades Starlight terá continuidade o 12 de agosto coa Noite das Perseidas, que terá por obxecto fundamentalmente poder contemplar a simple vista máis meteoros, sempre coa explicación de persoas especialistas. Así mesmo está previsto desenvolver outro visionado desde o Alto de Rodelas cuxa data se dará a coñecer cando as condicións meteorolóxicas o permitan.
Cómpre recordar que para poder participar en calquera destas actividades de “Verán astronómico en Lalín” hai que inscribirse previamente no Museo Municipal (986 78 40 04 ou museo@lalin.gal) ata completar aforo.
Para facilitar a asistencia ás persoas participantes (previa inscrición) á Noite das Perseidas e ao visionado (pendente de fixar data) sairá un bus ás 21.45 horas desde a Praza de Loriga con volta desde Rodelas ás 23.59 horas. É importante que as persoas que vaian facer uso do bus o indiquen cando formalicen a súa inscrición na actividade no Museo, polo número limitado de prazas que ten.