Todas as actuacións son de libre acceso e desenvólvense a partir das 20 horas en distintos puntos neurálxicos do noso pobo
En caso de chuvia trasladaranse ao vestíbulo de entrada do Concello
O Concello de Lalín pon en marcha un ciclo de “Concertos de rúa no verán das nosas bandas de música” que dará comezos a finais destes mes de xullo e que se prolongará ata finais de agosto cun total de catro actuacións correspondentes ás formacións bandísticas existentes no noso concello. “Son actuacións ao aire libre abertas ao público que se desenvolverán tres sábados de verán e un venres en distintos sitios neurálxicos do pobo como son o KM0, a rúa Rosalía de Castro, a Praza da Bibloteca e a Praza da Igrexa”, remarca a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.
Esta proposta cultural, que abranguerá na súa maior parte música popular galega, dará comezo co concerto da Banda de Música de Vilatuxe que terá lugar o 27 de xullo no KM0. O 17 de xullo será a quenda da Banda de Música de Muimenta que actuará na rúa Rosalía de Castro. Ao venres seguinte, o 23 de agosto, é a vez da Lira de Prado que ofrecerá un concerto na Praza do Concello. Este ciclo de concertos pecharao a Banda de Música de Lalín o sábado 31 de agosto na Praza da Igrexa. Todos os concertos se desenvolven a partir das 20 horas e todos son de libre acceso. En caso de chuvia trasladaranse ao vestíbulo de entrada do Concello.