O rexedor agradeceu o labor desenvolto por Fanny Pazos desde Sogaps e tamén o de Meritxell como familia acolledora. Apuntou a posibilidade de incrementar o número de nenos/as acollidas en Lalín para vindeiros anos
O alcalde de Lalín, José Crespo, vén de recibir ao neno saharauí que este ano pasará o verán cunha familia lalinense a través do programa Vacacións en Paz que promove Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí). Chámase Mohamed Salem, é natural de O Aaium e ten oito anos. Na recepción participou a delegada de zona de Sogaps, Fanny Pazos; Meritxell Montoto Taboada, que é a familia acolledora residente en Bendoiro, e a tenente alcalde, Paz Pérez.
O rexedor agradeceu o labor desenvolto por Fanny Pazos desde Sogaps e tamén o de Meritxell como familia acolledora deste neno que permanecerá en Lalín ata o 5 de setembro. Apuntou a posibilidade de incrementar o número de nenos/as acollidas en Lalín para vindeiros anos.
A delegada de Sogaps acolleu de bo grao a iniciativa do rexedor e concretou que este ano ademais do de Lalín hai na Comarca de Deza dous nenos acollidos en Rodeiro.
Pola súa parte a familia acolledora, que xa ten experiencias de acollemento anteriores (de feito, tivo durante cinco anos ao seu irmán maior) indicou que é unha experiencia moi enriquecedora e fixo un chamamento a que máis familias se animen a dar este paso.