O Concello desenvolverá ao longo do verán tamén o campamento Carballos e o campamento Castiñeiros, ademais de ofertar o servizo Concilia Lalín ata setembro
Hoxe iniciouse o campamento verde do Concello de Lalín centrado en actividades medio ambientais e da natureza e destinado á cativada de entre 4 e 10 anos. Desenvólvese do 15 ao 26 de xullo, un total de 9 xornadas de actividades en horario de 9 a 14 h. Nel participan un total de 50 nenos/as que hoxe recibiron a visita do concelleiro de Xuventude, Avelino Souto.
Cómpre indicar que a oferta de campamentos municipais deste verán abrangue tres formatos distintos: campamento verde; campamento Carballos consistente nun campamento urbano (entre o 5 e o 12 de agosto e o 16 e 23 de agosto para nenos/as de entre 8 e 12 anos) e campamento Castiñeiros que desenvolverá as súas actividades no campamento xuvenil “A Espiñeira” en Boiro (entre o 26 de agosto e o 4 de setembro para mozos/as de entre 13 e 17 anos).
Esta programación de conciliación municipal inclúe tamén o servizo Concilia Lalín para as vacacións de verán que deu comezo o 24 de xuño e que se ofrece na ludoteca do edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero en horario de 7.30 a 14.30 e de 16 20 h ata o 10 de setembro, é dicir, ata practicamente o inicio do curso lectivo.