-
A sección de xardinería traballou nas últimas semanas no acondicionamento do Pontiñas, no campo de fútbol e en Mouriscade, fronte á igrexa de Cercio e en zonas comúns de varios centros sociais
-
Avanza que a atención nos domicilios está previsto que se comece a prestar a comezos de agosto
-
As actividades gratuítas que se están a ofrecer en dez centros sociais están a ter unha boa acollida con máis de 100 persoas usuarias distintas nestas primeiras catro semanas
-
Desde o 17 de xuño hai tamén un grupo de alumnos formándose na residencia Nosa Señora das Dores realizando labores de axuda ao persoal que atende ás persoas maiores neste centro
O obradoiro de emprego “Lalín Verde” do Concello de Lalín vén de superar o ecuador da súa duración. Así o subliña a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que explica que “nestes sete meses completouse toda a formación teórica da sección sociosanitaria e a maioría da sección de xardinería”. Neste sentido sinala que “a sección de xardinería traballou nas últimas semanas no acondicionamento do paseo do Pontiñas, do campo de fútbol Manuel Anxo Cortizo e na instalación de tellados nas sinais informativas de Mouriscade”.
Canda Rodríguez indica que “no Pontiñas acometéronse reparacións tanto de vallas de madeira como das mallas dalgunhas pontes e desbroces en todo o paseo, incluíndo taludes”. “Así mesmo tamén se actuou na praza fronte á igrexa de Cercio e tamén se desbrozaron as zonas comúns dos centros sociais de Prado, Santiso, Botos, Goiás e Lalín de Arriba”, concreta.
Avanza que “para agosto está previsto acondicionar a contorna da gardería do Polígono, aproveitando o peche da mesma durante ese mes”. “Vaise poñer céspede artificial na parte traseira, reparar o sistema de rego da instalación e preparar o terreo para a plantación de novo céspede natural no resto dos xardíns”, afirma. “Tamén se estima que nesas datas se poidan acometer actuacións nos xardíns exteriores do CEIP Manuel Rivero”, engade.
Visitas complementarias da formación
A responsable municipal destaca “a visita formativa que se fixo ao Festival Internacional de Xardíns de Ponte da Lima, un certame consolidado para que o alumnado vira as diferentes tendencias no deseño de zonas verdes”. “Aproveitando esta visita tamén coñeceron as instalacións de Veraleza, un dos viveiros máis grandes de España, situado en Tomiño”, sinala.
Respecto á sección sociosanitaria de “Lalín Verde” a concelleira informa que “desde o 17 de xuño, unha vez por semana, se están realizando actividades en dez centros sociais: Santiso, Prado, Cercio, Muimenta, Donramiro, Botos, Soutolongo, Vilatuxe, Goiás e Lalín de Arriba”. “Unhas actividades que continuarán ata finais de novembro e que nestas semanas que se levan desenvolvendo están a ter unha acollida moi positiva, con máis de 100 persoas usuarias diferentes que teñen participado”, fai fincapé.
Aberto o prazo de inscrición no programa de atención nos domicilios
Canda remarca que “outra actividade importante é a atención nos domicilios”. “Está previsto que esta atención se comece a desenvolver a comezos de agosto, unha vez que se veñen de publicar no BOPPO e na páxina web as bases reguladoras para o acceso ao programa de prácticas profesionais de acompañamento e respiro familiar do alumnado no obradoiro dual de emprego Lalín Verde”. “De acordo coas ditas bases (BOPPO, do xoves 11 de xullo) o prazo para a inscrición das persoas usuarias que desexen recibir esa atención permanecerá aberto ata o próximo día 26 de xullo e despois farase a correspondente valoración das solicitudes recibidas cara a comezar a impartila a comezos de agosto”, subliña.
Este servizo está dirixido de xeito específico a prestar apoio no domicilio a persoas maior que viven soas e carezan de apoio persoal na súa contorna inmediata e a prestar apoio de respiro a coidadores familiares.
Consistirá na asistencia, por parte do alumnado traballador do obradoiro dual, aos domicilios particulares das persoas que resulten beneficiarias do programa, desenvolvendo, dentro da súa práctica profesionais atencións de carácter persoal (aseo e coidado persoal, control do réxime alimentario, mobilización dentro do fogar, estimulación sensorial...), doméstico (preparación de alimentos, programación de comidas e deitas semanais, lavar e pasar o ferro e ordenar a roupa e limpeza e mantemento e organización do domicilio) e educativo-psicosocial (cambios de hábitos na organización, facilitar actividades de ocio no propio fogar, axuda na relación na contorna, axuda no manexo de correspondencia e axuda na socialización e integración).
En todo caso as actividades estarán determinadas no programa individual de atención e terán sempre carácter complementario das propias capacidades do/a usuario/a ou doutras persoas da súa contorna inmediata, non eliminando nin substituíndo as actividades que a usuaria poida realizar e en ningún caso suplantará as responsabilidades familiares.
Para ser beneficiario deberanse cumprir os seguintes requisitos: ser maior de 65 anos; estar empadroados e ter residencia efectiva no Concello de Lalín; non ter concedido o recoñecemento de grao de dependencia ou, en todo caso, ter recoñecido o grao de dependencia I, e non estar percibindo, na actualidade, prestación ou servizo ningún de similar natureza de calquera outras entidades públicas. O número máximo de participantes será de 20 domicilios.
“Desde o 17 de xuño hai tamén un grupo de alumnas formándose na residencia Nosa Señora das Dores realizando labores de axuda ao persoal que atende ás persoas maiores neste centro”, conclúe.
Pé de foto: A concelleira de Emprego coa sección de xardinería no paseo do Pontiñas