-
No encontro de onte ofrecéronselle datos sobre as características e cuestións específicas vinculadas ao cemiterio e avanzóuselle a intención do Concello de optar por un “sistema de xestión integral dos cemiterios” para garantir un estado de conservación adecuado dos dous camposantos durante todo o ano que conlevaría a aplicación dunha cota de mantemento accesible
-
O Concello habilitará un punto informativo para as persoas interesadas a partir de setembro
A xuntanza informativa convocada polo goberno con carácter aberto para informar de primeira man á veciñanza sobre as características e outras cuestións específicas relativas ao cemiterio “Fraga do Alén” espertou un alto interese. Foron ao redor de duascentas as persoas que participaron no encontro celebrado na tarde-noite de onte no Auditorio no que escoitaron atentamente as explicacións ofrecidas por parte dos responsables políticos municipais, dos técnicos do Concello e dun dos autores do proxecto (Abel Mato), ademais de interesarse por diversas cuestións formulándolle as súas consultas tanto durante o seu desenvolvemento como ao remate da reunión.
En representación do goberno municipal interviron Pablo Areán, concelleiro de Urbanismo, e Carmen Canda, a súa homóloga de Cemiterios, ademais de estar presente no encontro a tenente alcalde, Paz Pérez, e o edil de Obras e Servizos, José Cuñarro. A parte técnica municipal estivo representada por Hervé Fernández, arquitecto técnico do departamento de Urbanismo, e Alejandro Badas, de Contratación, ademais de por Abel Mato, autor do proxecto xunto a Martín Toimil.
O concelleiro de Urbanismo, Pablo Areán, sinala que no encontro explicámoslles aos veciños/as os distintos formatos de soterramento (capela, módulos -simples e simples dobres-, columbarios e biournas) e o seu emprazamento dentro do cemiterio, ademais dun intervalo de prezos orientativos sobre os que insistiu que poden variar e que prefire concretar cando estea totalmente pechada a parte administrativa (actualmente estase coa redacción da ordenanza e do regulamento).
Así mesmo Areán avanzoulle a intención do Concello de optar por un “sistema de xestión integral dos cemiterios, que estamos valorando que poida ser a través dunha concesión administrativa que se ocupe da construción dos nichos e do mantemento de ambos dous camposantos”. “Establecerase unha cota comunitaria por cada cabida a un prezo accesible que en principio sería de cobro anual destinada ao mantemento”, sinala. “Queremos optar pola xestión integral da “Fraga do Alén” sacándoo a concurso para garantir que estea en condicións aceptables durante todo o ano, unha xestión que incluiría tamén o cemiterio vello”, puntualizou.
Verificación de datos
O responsable de Urbanismo tamén indicou que se fará unha verificación das persoas que no seu día se inscribiron nun rexistro aberto no consistorio amosando o seu interese en contar cun ou varios destes espazos. A tal fin precisou que se cotexarán os datos e se comprobará se continúan interesados para ter un coñecemento da situación o máis exacta posible.
Anunciou a posta en marcha no Concello a partir de setembro dun punto informativo de atención ás persoas interesadas sobre calquera cuestión vinculada ao cemiterio, cuxa posta en marcha se comunicará ao seu debido tempo para coñecemento da veciñanza. Porén foron moitas as persoas que ao remate da xuntanza aproveitaron para dirixirse aos representantes municipais e para trasladarlle as súas cuestións particulares que estes trataron xa de resolverlles in situ.
Por último, Pablo Areán replica ao edil socialista Mario López que se asistira á reunión informativa para a veciñanza que convocamos onte, sabería que a intención do goberno sería sacar a licitación ambos os dous cemiterios para garantir o seu mantemento integral. Califica de pataleta que o edil socialista asistise ao acto inaugural unicamente para dedicarse a verter críticas baleiras de contido co obxectivo de embarrar a inauguración dun dos espazos máis necesarios e reclamados para a veciñanza lalinense, que será unha actuación que marcará un antes e un despois, pois será unha das infraestruturas que perdurará no tempo.