Desenvolverase ata o venres no Salón Teatro do Auditorio de Lalín
Trátase dun curso cunha excelente programación, ao que poderán asistir, en calidade de oíntes, todas as persoas interesadas nos contidos relacionados coa igualdade, a coeducación, a Intelixencia Artificial, ou o ecofeminismo
A concelleira de Igualdade, Carmen Canda Larroy, invita á veciñanza lalinense e a todas as persoas interesadas nos contidos relacionados coa igualdade e coa coeducación a participar no XIX Curso de Verán, “Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0: Violencias – Intelixencia Artificial – Ecofeminismo – Coeducación”.
Trátase dun curso cunha excelente programación, ao que poderán asistir, en calidade de oíntes, todas as persoas interesadas, na que se analizarán aspectos, contidos e problemáticas de gran interese no momento actual, relacionadas coa educación transversal, a coeducación, a Intelixencia Artificial, as masculinidades ou a abordaxe dos diferentes tipos de violencia.
Un curso de verán de alto nivel, organizado pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín e o ICE da Universidade de Santiago de Compostela, no que intervirán profesionais expertas/os a nivel internacional coma Lydia Delicado, Mabel Lozano, Mª Carmen Rebolledo, Jorge Gutiérrez, María Acalé, Iván Gombel, Lionel Delgado, Octavio Salazar, Soraya Calvo, Eva Cernadas, Alicia Puleo, Catia Faria, Carmen Ruiz Repullo e Eugenia Tenenbaum, que traballan cara á igualdade de oportunidades, cun enfoque multidisciplinar e desde diferentes ámbitos de actuación.
O curso dará comezo mañá martes 9 de xullo ás 9.30h, con cambio de localización, no Salón Teatro do Auditorio de Lalín onde nos acompañará na inauguración do mesmo José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; Milena Villar Varela, profesora da USC e codirectora do Curso; María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia e Sandra Bastos Míguez, deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra.
As catorce conferencias, as que poderán asistir libremente todas as persoas que o desexen, serán entre o martes, mércores e xoves de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h e o venres de 10.00 a 14.00h, como se recolle no programa que poderán atopar na web do concello www.lalin.gal/igualdade.
Esta actividade está cofinaciada polo Concello de Lalín a Universidade de Santiago de Compostela, con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.