Tamén en xullo se inician os campamentos e se desenvolve o Concilia Lalín de verán
Astronomía, música na rúa, teatro, maxia, música galega, formación e conciliación son os principais eixes da programación de “Xullo xa está aquí! Lalín é cultura”. Así o sinala a concelleira de Cultura, Begoña Blanco que avanza que “o mes de xullo é un mes con moita actividade, no que se celebran eventos de alcance como son o Congreso Internacional de clarinete, o XIX curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0” ou o curso da UNED sobre cambio climático que reúne os principais ´gurús´ da previsión meteorolóxica a nivel de España.
“Eventos aos que suman o programa de actividades “Verán Astronómico en Lalín”, o inicio do ciclo de concertos de rúa no verán das nosas bandas de música, obras de teatro, festas do socio das bandas e o inicio dos campamentos co Campamento Verde que se desenvolverá entre o 15 e 26 de xullo, dirixido a nenos/as de entre 4 e 10 anos de idade, ademais do desenvolverse o servizo Concilia Lalín das vacacións de verán que deu comezo o luns 24 de xuño no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero”.
O venres 5 de xullo terá lugar ás 20 horas o concerto de fin de campamento da Banda de Música de Vilatuxe na rúa Rosalía de Castro. Ese mesmo día ás 20.30 h representarase no salón teatro a obra “Historia de aldeas”.
Tamén o 5 de xullo dará comezo o ciclo de actividades “Verán Astronómico en Lalín” cun visionado desde o Alto de Rodelas. Sairá un bus desde a Praza de Loriga ás 21.45 h. Todas as actividades deste ciclo son gratuítas, con inscrición previa no Museo e prazas limitadas.As persoas que vaian en bus deberán indicalo cando se anoten para a actividade.
O sábado 6 celébrase a festa do socio da Banda de Lalín e tamén da de Vilatuxe e o domingo 7 a da Banda de Muimenta. Máis información coas propias asociacións.
Do martes 9 ao venres 12 de xullo terá lugar o curso “XIX Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: violencias-intelixencia artificial-ecofeminismo e coeducación” cuxa matrícula se pode formalizar ata o vindeiro venres, 28 de xuño. Máis información en igualdade@lalin.gal
Do mércores 10 ao venres 12 de xullo desenvolverase o curso “Cambio climático en España e comunicación dos seus efectos” organizado pola Uned e que se desenvolverá no edificio sociocultural.
O xoves 11 de xullo ás 21 horas terá lugar dentro do ciclo de actividades de promoción do “Destino Starlight” un monográfico sobre a lúa no Museo e posterior observación da Lúa no observatorio da man de Ángel Costa e Xabier P. Couto, previa reserva de praza no Museo.
O venres 12 dará comezo o Congreso Internacional de Clarinetes no edificio sociocultural que se estenderá ata o 19 de xullo. Ás 21 horas do 12 de xullo ofrecerá un Concerto a Real Filharmonía de Galicia na Sala Tuno Valdés do Auditorio no marco deste festival.
O sábado 13 no marco das actividades do dito Congreso terá lugar ás 19 horas un recital con piano e ás 21 horas o concerto de Garufa Blue Devils Big-Band.
O domingo 14 de xullo ás 19 horas terá lugar un recital de piano e ás 21 horas un concerto de Rosa Cedrón e a Orquestra de clarinetes Galaico-Portuguesa.
O luns 15 desenvolverase outro recital con piano (19 horas) e actuará o cuarteto de cordas da Real Filharmonía (21 horas).
O martes 16 terá lugar un novo recital de piano (19 horas) e a actuación do Trío de Fado Joao Pedro Santos "Coro Lusitano” ás 21 horas.
O mércores 17 de xullo, novo recital con piano (ás 19 horas) e concerto coa Banda Municipal de Santiago dirixida por David Fiuza (21 horas).
O xoves 18 de xullo desenvolveranse as seguintes actividades: ás 19 horas recital con piano; ás 21 horas actuará a Banda de Lalín dirixida por Marcel van Bree; ás 21 horas proxección de fotos con telescopio no Museo Municipal: fotografía astronómica con Francisco Javier Cerdán Núñez (nova actividade do ciclo Starlight previa inscrición no Museo) que incluirá posterior visionado de imaxes astronómicas a través dun telescopio en remoto, desde as 23 horas.
O venres 19 ás 21 horas terá lugar a clausura do Congreso Internacional de clarinete coa actuación de Galicia Clarinet Ensemble dirixida por José Franch Ballester.
Cinco funcións de maxia de “O romance do Conde de Cagliostro” desenvolveranse o domingo 21 de xullo na Praza da Igrexa (ás 13 h, 17, 18.30, 20 e 21.30). Tamén nesta data terá lugar un concerto de Antonio Barros coa Banda de Música de Muimenta.
O venres 26 terá lugar un concerto de Anxo Lorenzo na Praza da Igrexa ás 21 horas, no marco do programa + Música.
O sábado 27 dará comezo o ciclo de concertos de rúas no verán das bandas co ofrecido pola Banda de Vilatuxe ás 20 horas no Km0.
E o mes rematará desde o punto de vista cultural o domingo 28 de xullo coa celebración dos 50 anos do centro social de Cercio, organizada pola Asociación Cultural A Carballeira.