Comezaron o luns 17 e continuarán ata finais de novembro, ao igual que as prácticas que este alumnado está a desenvolver na residencia As Dores no marco de “Lalín Verde”
- Estas actividades son gratuítas e adaptables, é dicir, cada persoa participante pode asistir o tempo que queira ás clases, isto é, non é preciso asistir ás catro horas e media de cada sesión
- Ata o momento participaron persoas de rangos de idades comprendidas entre máis de 90 e ao redor de 60 anos
- En agosto dará comezo a atención ás persoas nos domicilios, persoas que serán seleccionadas previamente en función de diferentes parámetros e necesidades
Este luns 17 de xuño arrancou a súa formación práctica a sección sociosanitaria do obradoiro de emprego “Lalín Verde” do Concello de Lalín prestando axuda ás xerontólogas da residencia As Dores na súa atención a persoas maiores e tamén impartindo clases gratuítas de actividades variadas e adaptables ás persoas usuarias en dez centros sociais catro horas e media á semana. Así o sinala a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que participou nunha destas actividades desenvoltas no centro social de Donramiro o pasado mércores 19 de xuño, na que as persoas usuarias desenvolveron diversos xogos, xerontoximnasia, musicoterapia, xincana con actividades de estimulación psicomotriz, partida de bingo e taller de debate (acompáñanse fotos).
Beatriz Canda sinala que “aínda que estamos ao comezo das actividades nos centros sociais, a acollida foi moi boa, con moitas persoas que xa se animaron a participar nestas actividades que se desenvolverán ata finais de novembro”. Cómpre poñer en valor, indica a concelleira, que “as actividades son todas gratuítas e que non é necesario anotarse en ningún sitio, simplemente hai que acudir ao centro social que se desexe”. A frecuencia é unha vez por semana en cada centro social un total de 4 horas e media.
- Santiso: luns de 9 a 13.30 h
- Prado: luns de 9 a 13.30 h
- Muimenta: martes de 9 a 13.30 h
- Cercio: martes de 9 a 13.30 h
- Botos: mércores de 9 a 13.30 h
- Donramiro: mércores de 9 a 13.30 h
- Soutolongo: xoves de 9 a 13.30 h
- Vilatuxe: xoves de 9 a 13.30 h
- Goiás: venres de 9 a 13.30 h
- Lalín de Arriba: venres de 9 a 13.30 h
A responsable municipal de Emprego indica que aínda que “o persoal do obradoiro está desde as 9 ata as 13.30 horas, o horario é flexible para as persoas usuarias, polo tanto se alguén só quere ou pode asistir a unha determinada hora pode facelo; é dicir, cada persoa pode organizar o tempo que queira estar no centro social”.
Determinar as preferencias das persoas usuarias
Así mesmo, subliña, as actividades que “se van realizar dependerán do número de usuarios que haxa en cada centro social; o máis importante é realizar as actividades que eles prefiren, polo que as actividades de cada centro poden ser diferentes”. “Para coñecer as preferencias das persoas participantes as primeiras semanas vanse dedicar a chegar a un consenso coas persoas usuarias de cada centro respecto de cales son as súas preferencias”. “A idade non é un factor determinante, nestes primeiros días xa asistiron persoas de máis de 90 anos e persoas ao redor dos 60, simplemente se precisan ganas de participar e divertirse”, afirma. “Outro aspecto que destacan desde a dirección do obradoiro é que maioritariamente as persoas asistentes son mulleres polo que se anima aos homes a participar nestes actividades adaptables e gratuítas”, remarca.
Atención ás persoas nos domicilios
A edil avanza que está previsto que “a comezos de agosto dea comezo outra actividade moi importante, que é a atención a persoas en domicilios”. “Neste caso si é preciso anotarse porque, en función das persoas usuarias que se anote, realizaranse os procesos de selección en función de diferentes parámetros e necesidades como axudas no fogar, axudas no aseo, entre outra tarefas”. Poden anotarse a través dos pedáneos das parroquias ou chamando á dirección do obradoiro 663 613 512. Esta formación práctica tamén terá continuidade ata finais de novembro.