Con este novo ciclo de actividades, todas gratuítas, con inscrición previa no Museo e con prazas limitadas, continúase promocionando o “Destino Starlight” en xullo e agosto
Lalín é “Destino Starlight” desde abril de 2023 e xa ten desenvolto diversas actividades de promoción ligadas a esta distinción turística vinculada á observación das estrelas
O Concello de Lalín organiza para xullo e agosto un novo ciclo de actividades promocionais do “Destino Starlight” baixo a denominación “Verán Astronómico en Lalín” que inclúe sesións de visionado desde o Alto de Rodelas; un monográfico sobre a Lúa e posterior observación e unha proxección de fotos con telescopio. Así o avanza a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, que subliña que todas as actividades son gratuítas e con prazas limitadas. Así mesmo remarca que para poder participar en calquera destas actividades hai que inscribirse previamente no Museo Municipal (986 78 40 04 ou museo@lalin.gal) ata completar aforo.
Blanco sinala que o “Verán Astronómico en Lalín” arrancará o venres, 5 de xullo, coa actividade “Anoitecer de verán”, un visionado que se fará de o Alto de Rodelas, zona cero do “Destino Starlight” a cargo de José Ángel Docobo Durántez, catedrático de Astronomía e coordinador de investigación do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC (OARMA), recentemente tamén director científico de Lalín Starlight; Luca Piccoti, físico e doutor de Astronomía pola USC e investigador postdoutoral pola USC e Ángel Costas Castro, alumno de último curso da Facultade de Física e colaborador do OARMA.
Para facilitar a asistencia ás persoas participantes (previa inscrición) sairá un bus ás 21.45 horas desde a Praza de Loriga con volta desde Rodelas ás 23.59 horas. É importante que as persoas que vaian facer uso do bus o indiquen cando formalicen a súa inscrición na actividade no Museo, polo número limitado de prazas que ten.
Nesta primeira observación está previsto observar como van aparecendo as estrelas ata que se faga completamente de noite. A xente participante vai contar coa axuda dun planisferio para ir identificando as distintas estrelas a medida que vaian aparecendo. Ademais, usarase un telescopio portátil para a observación dalgúns obxectos interesantes.
O xoves 11 de xullo terá lugar ás 21 horas un monográfico sobre a Lúa no Museo municipal e posterior observación da Lúa no Observatorio dirixido por Ángel Costas e Xabier P. Couto, matemático, actualmente investigador predoutoral na Universidade da Coruña e colaborador do OARMA. Nesta sesión falarase non só da estrutura da Lúa, dos cráteres que presenta, senón tamén do xiro sobre si mesma, das fases e libracións e do seu movemento orbital ao redor da Terra, das misións especiais relacionadas con ela e proxectos futuros. Como parte final da actividade farase unha observación a través do telescopio, sinala a concelleira.
Begoña Blanco indica que tamén terá lugar o xoves 18 de xullo unha proxección de fotos con telescopio, que dará comezo ás 21 horas no Museo que estará coordinada por Francisco Javier Cerdán, destacado especialista en fotografía astronómica, que ademais de explicar a técnica coa que obtivo centos de imaxes de gran calidade de nebulosos, cúmulos estelares, galaxias, cometas, etc. fará, a partir das 23 horas, un visionado de imaxes astronómicas a través do seu telescopio en modo remoto para ir obtendo imaxes en directo de diferentes obxectos astronómicos.
A concelleira sinala que este “Verán Astronómico en Lalín” pecharase o 12 de agosto, coa Noite das Perseidas, que terá por obxecto fundamentalmente poder contemplar a simple vista máis meteoros, sempre coa explicación de persoas especialistas. Como ben é sabido a denominada “chuvia de estrelas” prodúcese cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan detrás deles no seu movemento ao redor do Sol. Tal como explica o director científico Lalín Starlight, José Ángel Docobo, estará a Lúa en cuarto crecente, pero irá baixando cara ao oeste, en tanto que hai que mirar fundamentalmente cara o leste, polo que non debe molestar demasiado o noso satélite natural a observación das Perseidas.
Actividades Starlight desenvoltas
Cómpre recordar que o Concello de Lalín obtivo este recoñecemento internacional de calidade turística en abril de 2023, tras un longo proceso para poder acreditar os estándares de calidade requiridos para obter esta distinción, na que se traballou en colaboración co catedrático Docobo, director do Observatorio astronómico da USC, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Alonso e Xabier Pérez Couto.
O pasado verán desenvolveuse cunha gran acollida un ciclo de actividades municipais de promoción deste turismo ligado á contemplación das estrelas para poñer en valor esta distinción que incluíu observacións astronómicas, conferencias e a experiencia “Noite das Perseidas”, observación a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight, no Alto de Rodelas.
O 20 de abril de 2024 o Concello de Lalín conmemorou a “Noite Mundial Starlight”, facéndose oco dentro das actividades realizadas por todo o territorio nacional con motivo desa iniciativa en defensa da luz das estrelas co obxectivo de promover a conservación da calidade do ceo nocturno. Celebrouse unha conferencia titulada “O ceo nocturno, un patrimonio esquecido” na que o astrónomo do Observatorio astronómico nacional de Madrid, Pedro Pablo Alonso, falou da importancia de combater a contaminación lumínica, concienciando sobre a importancia de observar o ceo e protexer a calidade do mesmo.
O profesor Docobo tamén interveu para resaltar o valor de que Lalín obtivese o recoñecemento internacional “Destino Starlight de calidade turística". A continuación houbo unha observación astronómica co telescopio operado polos docentes. As actividades contaron con importante asistencia de público.
O Destino Starlight é un dos atractivos que se quere potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do municipio sobre todo no que se refire ao mapa astronómico e científico. Lalín é un dos sete destinos Starlight que actualmente existen en Galicia xa que contan con esta distinción: o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia; A Costa da Morte; Trevinca; Muras; a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá.