A sesión terá lugar o 25 xuño no Edificio Polivalente Manuel Rivero e centrarase nas principais causas e secuelas do dano cerebral, co que conviven máis de 35.000 persoas en Galicia
O ciclo de actividades ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’, organizado polo Concello e por FEGADACE arranca o martes 25 de xuño cunha charla de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade resultante, na maioría dos casos, dun ictus ou dun traumatismo cranioencefálico derivado dun accidente de tráfico.
A sesión informativa, organizada xunto coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a asociación Sarela, terá lugar ás 16:30 h no salón de actos do Edificio Polivalente Manuel Rivero (Rúa Manuel Rivero, 1). A actividade centrarase na abordaxe das principais causas do dano cerebral, das diversas secuelas asociadas a esta súbita lesión e dos recursos de atención dispoñibles para o colectivo. Está dirixida a todo tipo de público, con especial foco en persoas de máis de 65, dado que a idade é un factor de risco.
Debido ao envellecemento da poboación e aos cambios nos hábitos de vida (especialmente o empeoramento da alimentación e o sedentarismo), a súa incidencia incrementouse notablemente nos últimos anos, sobre todo debido ao aumento do número de casos de ictus.
Malia que estes non se poden evitar, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o 90% dos casos están asociados con factores de risco modificables (como a hipertensión arterial, o colesterol, a diabetes, a obesidade, o sedentarismo, o consumo de alcol, tabaco e outras drogas e o estrés, entre outros). Por este motivo, unhas das principais liñas de actuación de FEGADACE céntrase na realización de actividades de divulgación, capacitación e promoción de hábitos de vida saudables para a prevención do dano cerebral.
A asistencia á charla é de balde, pero é preciso inscribirse previamente no presente formulario, no teléfono 689 083 144 ou presencialmente na área de Servizos Sociais do Concello de Lalín.
Presentación da ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido’
A axenda do ciclo de actividades continúa o venres 28 de xuño coa presentación da publicación ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á Lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo’.
Este documento, elaborado co fin de servir como ferramenta de consulta, xorde como resposta ao cambio de paradigma que implica a Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
Esta modificación supuxo un inxente volume de cambios, entre os que destaca a superación do sistema de modificacións de capacidade ou incapacitacións, como se coñecían popularmente, para pasar a un sistema de apoios.
Para presentar e explicar esta e outras mudanzas, como as relativas ao baremo de discapacidade, patrimonio e herdanzas ou instrucións previas no ámbito médico, a sesión será impartida polo autor da Guía, o avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación Miguel Vieito, e a traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda.
A sesión está dirixida a familias, persoas con dano cerebral adquirido e profesionais do ámbito dos servizos sociais. A asistencia é de balde, pero é preciso inscribirse previamente no presente formulario, no teléfono 689 083 144 ou presencialmente na área de Servizos Sociais do Concello de Lalín.
A edición da Guía está financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a través da súa inclusión no Proxecto Rumbo. Ademais, a celebración do ciclo ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’ conta con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.