- Celebrarase unha comisión de académicos, inaugurarase a exposición “Os vieiros de Asorey” producida polos académicos Xurxo Lobato e Senén e terá lugar a conferencia “O escultor Asorey en Lalín” a cargo de Senén
- Estes actos servirán para poñer en valor a importante pegada en Lalín do escultor cambadés con orixes familiares en Deza
- A Academia responde así a unha petición formulada pola Corporación relativa a que en 2024 Lalín acollese un acto de homenaxe a Asorey ao abeiro da programación especial do Día das Artes
Concello e Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) promoven a celebración en Lalín dunha xornada de homenaxe a Francisco Asorey, que terá lugar o sábado 29 de xuño, encadrada dentro do programa de actos dedicados pola Academia ao escultor cambadés con motivo de ser a figura recoñecida polo Día das Artes Galegas 2024.
Esta xeira monográfica dedicada a Asorey dará comezo ás 12 h coa celebración dunha sesión da comisión de académicos no salón de Plenos da casa consistorial. Será en sesión de tarde cando se inaugure a exposición “Os vieiros de Asorey”, ás 17.30 h na Praza da Igrexa e a ás 18.30 h a conferencia titulada “O escultor Asorey en Lalín” que ofrecerá o académico Felipe-Senén López Gómez e que se desenvolverá no Museo Municipal Ramón Mª Aller.
Tanto a exposición como a conferencia son actos abertos á veciñanza polo que se convida aos lalinenses a participar nesta xornada de homenaxe ao escultor Asorey, con orixes familiares en Terras de Deza, que deixou en Lalín unha pegada significativa con dúas das súas esculturas máis representativas.
A mostra “Os vieiros de Asorey” está comisariada polo académico Xurxo Lobato que é autor tamén das fotografías mentres que o académico Felipe-Senén é creador dos textos. A través desta exposición preténdese contribuír a difundir a obra pública do escultor que se pode visitar en Lalín, Cambados, a Coruña, Compostela, Ourense, Lugo, Ferrol, Cangas do Morrazo, Pontevedra, Vigo, Mondariz e Samos, conformándoa a modo dun vieiro da arte de Asorey. Poderase ver ata o 2 de agosto.
No que respecta á conferencia que ofrecerá Senén cómpre indicar que estará centrada na produción escultórica lalinense de Asorey, como autor de dous dos monumentos máis emblemáticos do municipio lalinense e dos máis representativos da obra do cambadés como son os dedicados a Joaquín Loriga e a Ramón Mª Aller. Dous conxuntos escultóricos realizados a petición do pobo de Lalín para homenaxear a dous dos seus Fillos Ilustres e que poñen de manifesto o importante legado artístico de Asorey a Lalín. Cómpre indicar que Senén ofreceu o pasado 9 de maio en Lalín (Museo) unha conferencia dedicada a Asorey centrada neste caso na produción artística do cambadés ao longo da súa vida, que tivo unha destacada asistencia de público e que estivo enmarcada nas xornadas conmemorativas do Seminario de Estudos de Deza dedicadas a persoeiros ilustres.
Felipe-Senén López Gómez é historiador da cultura galega. Carballiñés, formado en Historia da Arte e Arqueoloxía na USC, conservador do Museo Arqueolóxico da Coruña, da que pide excedencia para ser técnico de Cultura e museólogo da Deputación da Coruña. Numerario da RAGBA e do Instituto J. Cornide de Estudos Coruñeses, entre outros. Creador e animador de varios colectivos e cunha ampla actividades como conferenciantes, divulgador e estudoso da historia da cultura galega, especialmente nos eidos da arqueoloxía, a etnografía e a simboloxía.
Cómpre indicar que coa celebración desta xornada monográfica en Lalín dedicada a Francisco Asorey a RAGBA dá resposta á petición formulada polo Concello de Lalín a través dunha moción plenaria para que tivese lugar un acto de homenaxe no municipio lalinense dentro da programación especial que a Academia lle dedica a Asorey ao longo de 2024 con motivo do Día das Artes Galegas.