- Esta formación práctica abranguerá: atención a persoas maiores na residencia As Dores e clases gratuítas de actividades variadas e adaptables ás persoas usuarias en 10 centros sociais catro horas e media á semana
- Tamén a partir do vindeiro mes de agosto dará comezo a atención ás persoas nos domicilios, persoas que serán previamente seleccionadas en función de diferentes parámetros e necesidades
- As persoas que desexen participar nas actividades que se impartirán nos centros sociais de referencia sen ningún tipo de coste poden informarse no teléfono 663 61 35 12
A especialidade de atención sociosanitaria do obradoiro de emprego “Lalín Verde” do Concello de Lalín vén de rematar estes días a súa formación teórica e o próximo luns 17 de xuño dará comezo a súa formación práctica. Así o sinala a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que explica que “o alumnado desta sección estivo recibindo durante os últimos seis meses os coñecementos teóricos necesarios para poñelos en práctica na atención ás persoas maiores do noso concello, tanto do certificado de atención sociosanitaria ás persoas no domicilio como ás persoas dependentes en institución sociais”. “Xa durante este tempo levaron a cabo varias visitas formativas á residencia DomusVi de Lalín e tamén á residencia “As Dores” para comprobar como traballan as xerontólogas coas persoas maiores e irse familiarizando coas súas próximas tarefas”, sinala.
Canda Rodríguez subliña que “desde o luns 17 de xuño o alumnado por quendas fará prácticas na residencia das Dores que lles permitirán formarse na atención en residencias de persoas maiores e ao mesmo tempo axudar aos profesionais deste centro”. “Ademais tamén a partir do 17 de xuño nos centros sociais de referencia realizaranse actividades moi variadas e adaptables aos usuarios que queiran participar consistentes en estimulación cognitiva e motora, xerontoximnasia ou talleres de memoria de psicomotricidade”, anuncia.
A edil de Emprego concreta que “estas prácticas se van realizar en 10 centros sociais, unha vez por semana co seguinte calendario”:
- Santiso: luns de 9 a 13.30 h
- Prado: luns de 9 a 13.30 h
- Muimenta: martes de 9 a 13.30 h
- Cercio: martes de 9 a 13.30 h
- Botos: mércores de 9 a 13.30 h
- Donramiro: mércores de 9 a 13.30 h
- Soutolongo: xoves de 9 a 13.30 h
- Vilatuxe: xoves de 9 a 13.30 h
- Goiás: venres de 9 a 13.30 h
- Lalín de Arriba: venres de 9 a 13.30 h
A responsable municipal fai fincapé en que “estas actividades son gratuítas e non teñen ningún compromiso horario, é dicir, pódese asistir ás clases e ás horas que se queira; só se precisan ganas de participar”. “Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 663 61 35 12”, remarca.
Atención a persoas nos domicilios
Canda tamén avanza que “a partir do mes de agosto vai comezar tamén a atención a persoas nos domicilios”. “Estas persoas si que serán previamente seleccionadas en función de diferentes parámetros e necesidades en función de diferentes parámetros e necesidades como axudas no fogar, axudas no aseo, entre outras tarefas”, indica. “Esta formación práctica tamén terá continuidade ata finais de novembro”, precisa.
“O 90% das persoas que realizaron o obradoiro do ano pasado están traballando nestes momentos, polo que se agarda poder chegar e incluso superar este rexistro cos alumnos/as deste ano e a colaboración das persoas maiores lalinenses”, conclúe.