A iniciativa, enmarcada no convenio colaboración existente entre ambas entidades, desenvolverase do 25 de xuño ao 3 de xullo en distintos espazos do municipio dezán
O Concello de Lalín e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) presentaron o ciclo de actividades ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’, unha iniciativa orientada a concienciar á poboación lalinense sobre a casuística, dimensión e prevención desta discapacidade, provocada fundamentalmente por ictus e traumatismos cranioencefálicos.
A programación, enmarcada no convenio de colaboración existente desde 2021 entre ambas entidades, combina accións informativas, formativas e deportivas que se desenvolverán entre o 25 de xuño e o 3 de xullo en distintas localización da capital do Deza.
Durante a rolda de prensa de presentación da proposta, Luciano Fernández Pintor, presidente da Federación, agradeceu a colaboración do consistorio e sinalou a necesidade de que todas as administracións se involucren na loita contra o descoñecemento desta súbita lesión cerebral, tanto desde a prevención como mediante a prestación de recursos de atención de calidade e suficientes.
O representante de FEGADACE sinalou que “a información, a capacitación e a promoción de hábitos de vida saudables son os mellores aliados para reducir a incidencia do dano cerebral” e lembrou que os máis de 7.000 novos casos de ictus que se rexistran cada ano en Galicia exemplifican que se trata dun “reto para a saúde pública de primeiro nivel”.
Pola súa banda, a concelleira de Política Social do Concello de Lalín, Carmen Canda, agradeceu a FEGADACE a súa contribución para a concienciación da veciñanza do municipio e destacou o carácter dinamizador da programación para a vida da vila.
Actividades para todos os públicos
O ciclo de actividades, desenvolto con financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, pretende achegar a realidade do dano cerebral desde diferentes dimensións.
A programación arranca o 25 de xuño ás 16:30 h no Edificio Polivalente Manuel Rivero coa sesión informativa ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’. A charla, destinada a público xeral, estará centrada na prevención da discapacidade a través da abordaxe das causas, os factores de risco, os signos e síntomas de alarma e as pautas de actuación ante a súa aparición, ademais de ofrecer información sobre os recursos de atención sociosanitarios dispoñibles na contorna.
O venres 28 de xuño, ás 16:30 h, tamén no Edificio Polivalente Manuel Rivero, celébrase unha sesión informativa centrada en materia xurídica coa presentación da ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo'. A actividade, dirixida tanto a profesionais do ámbito dos servizos sociais como a persoas e familias con dano cerebral, estará impartida por Miguel Vieito, avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación. Vieito detallará os cambios introducidos pola Lei 8/2021 e outras normativas na lexislación civil e procesual que afectan ao exercicio da capacidade xurídica das persoas con discapacidade
O día 30 de xuño celebrarase a 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’, a actividade central da programación, e o 3 de xullo realizarase o obradoiro de sensibilización para público infantil 'Os Bolechas' no marco do Servizo Concilia do Concello de Lalín.
Finalmente, están previstas tres sesións do obradoiro ‘Autocoidados para mulleres coidadoras’, especialmente dirixido a quen presta coidados informais no ámbito do dano cerebral e deseñada co fin de facilitar información e pautas que axuden a exercer este rol sen desatender a atención á propia saúde. A actividade terá lugar o 26 de xuño ás 16: 30 h no Local Social de Vilatuxe, o 2 de xullo ás 16:30 h no Local Social de Goiás, e o 3 de xullo ás 16:30 h no Local Social de Cercio.
As persoas interesadas en inscribirse en calquera das actividades poden facelo de forma gratuíta no teléfono 689083144 e de maneira presencial na área de Servizos Sociais do Concello de Lalín .
3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’
Unha das grandes citas da programación é a terceira edición da carreira e andaina solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’. A xornada deportiva, realizada baixo a coordinación do Centro ET Encuentra Tu Potencial e Champion Chip Norte, celebrarase o domingo 30 de xuño desde as 9.00h na praza de Galicia, onde se situará o arco de saída e meta das distintas modalidades. As probas, con percorridos accesibles e diferentes distancias a realizar, son:
- Carreira de 5km e 10 km: persoas adultas e categoría Sub16 no caso dos 5km.
- Carreiras escolares: cativada menor de 14 anos e nada en 2017 e anos posteriores. Ademais, as nenas e nenos que o desexen poderán participar no obradoiro ‘Fast Heroes’, unha actividade lúdica para sensibilizar a poboación escolar na prevención do ictus.
- Andaina de 7km: aberta a participación de persoas de todas as idades.
A inscrición está aberta até o 27 de xuño ás 23.59 h na páxina web de Champion Chip Norte, onde tamén se pode consultar o regulamento da proba. O custo por participar varía en función da modalidade, pero todos os fondos recadados estarán destinados a financiar a organización da actividade e a desenvolver as distintas liñas de actuación da Federación para a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral.
Nese senso, as persoas que non poidan asistir á proba poden realizar unha doazón na modalidade ‘Dorsal 0’ ou, en caso de ser unha empresa ou entidade, colaborar a través dun patrocinio. Até o de agora, a xornada conta co apoio de GSI Dotación Industrial, Kalekói, Autobuses Rías Baixas, Eroski, Global Develop Event Service, Piscofino Gourmet, MOVE Centro de Saúde e Movemento, Daveiga e Clube Ciclista Montes do Deza.