- A contía destas axudas será por un importe único de 100 euros por alumno/a matriculado/a
- Están destinadas ás familias empadroadas no Concello de Lalín e integradas por alumnado matriculado durante o curso escolar 2024/2025 en centros docentes públicos e privados concertados no municipio destinadas a facilitar o acceso ao material escolar, deportivo, calzado e roupa de a abrigo
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, remarca que “desde mañá 11 de xuño e ata o 1 de xullo inclusive poderanse solicitar as bolsas complementarias ao estudo para alumnos/as de centros docentes do Concello de Lalín para o vindeiro curso, ás que destinamos un investimento total de 29.700 euros”, de acordo ás bases aprobadas en xunta de goberno o 31 de maio publicadas no BOPPO do 5 de xuño e ao extracto das bases que sae recollido hoxe no BOPPO.
Esta orde de axudas está destinada a familias empadroadas no municipio lalinense e integradas por alumnado matriculado, durante o curso escolar 2024-2025, en centros docentes públicos e privados concertados do concello para o acceso ao material escolar, deportivo, calzado e roupa de abrigo.
A concelleira de Política Social Carmen Canda sinala que “a tipoloxía de axudas ao abeiro desta convocatoria incluirá: libros de texto; libros de lectura; material escolar funxible (cadernos, folios, corres, lapis, bolígrafos, carpetas, tinta de impresora...); material complementario (compás, estoxo, regras, mochilas, libros de lectura, memoria usb...); material deportivo (chándal, tenis, camisetas, calcetíns) e roupa de abrigo e calzado. A contía das bolsas será por importe de 100 euros por alumno/a matriculado/a.
As ensinanzas ás que se dirixe este programa son: segundo ciclo de Educación Infantil; Educación Primaria; Educación Secundaria Obrigatoria e ciclos formativos de grao básico. Para poder ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes:
- Ser proxenitor/a ou titor/a legal do alumnado matriculado ou con reserva de matrícula no segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO ou ciclo formativo de grao básico nun centro educativo do Concello de Lalín durante o curso 2024/25 e convivir cos/cas menores para os/as que se solicita a bolsa.
- Todos os membros da unidade familiar deberán figurar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Lalín como mínimo con un ano de antelación a contar desde a data de presentación de solicitude. As persoas estranxeiras que residan no Concello de Lalín poderán beneficiarse desta prestación, sempre que todos os membros da unidade familiar se atopen en situación administrativa regular e cumpran as condicións da Lei Orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa normativa de desenvolvemento, tendo ademais que reunir os demais requisitos establecidos nas bases.
No suposto de casos de custodia compartida ambos proxenitores deberán figurar empadroados no Concello de Lalín e deberán cumprir co tempo mínimo de empadroamento.
- Ter presentada a solicitude e documentación no prazo establecido.
- Non ter pendente de xustificar ningunha subvención e/ou axuda de inclusión social concedida polo Concello de Lalín no exercicio 2023.
- Que a unidade familiar da persoa solicitante non supere os límites de ingresos establecidos nas bases.
A Xunta de Goberno Local resolverá o expediente de concesión de bolsas, previo informa da intervención municipal. O procedemento de concesión é por concorrencia competitiva. A forma de pago será a entrega do bono para ser cambiado en librerías/comercios minoristas do Concello e o prazo máximo da entrega do bono será ata o 31 de outubro de 2024.