- Trátase dunha actividade da Concellería de Igualdade, coordinada pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín, impartida por profesionais do centro de sexoloxía Con mucho gusto! (Martina González Veiga e Noelia Moreau Castro) e financiada con cargo aos fondos recibidos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
A concelleira de Igualdade, Carmen Canda, informa que continúa desenvolvéndose o programa de Educación Sexual da Oficina de Igualdade dirixido a todo o alumnado de 6º de Educación Primaria de Lalín “De bo rollo!: actividades de educación sexual para infancias e adolescencias”.
Así hoxe desenvolvéronse dúas sesións, a primeira ás 9.30 horas, no CEIP Vicente Arias de Vilatuxe, e a segunda, ás 12.40 no CEIP Xoaquín Loriga de Prado. A iniciativa concluirá o vindeiro luns 10 de xuño, ás 9.30 horas no CEIP Varela Buxán de Cercio.
A dita iniciativa busca que todas as persoas poidan coñecerse, aceptarse e expresarse de xeito satisfactorio e libre. Procura as vivencias felices das sexualidades e dos vínculos. Entende a diversidade como un valor, entendendo que hai moitos xeitos de ser e vivirse; por iso, promove unha visión ampla, igualitaria e diversa de todas as realidades.
Todos os axentes educativos teñen a responsabilidade de conseguir que o alumnado reciba unha educación sexual integral e de calidade, este proxecto pretende facer un achegamento a este propósito, cunha proposta de actividades deseñadas, nesta ocasión principalmente, para 6º de Educación Primaria.
Este programa de educación sexual, ten como eixes transversais: o autocoñecemento do corpo, a xestión das emocións, o botrato, a ética relacional, a responsabilidade afectiva e a autoestima. Traballa a comunicación asertiva, a posta de límites e a negociación, para garantir as relacións desexadas, libres de coacción e violencias.
O programa comprende un abano de actividades adaptadas a cada curso e ás características evolutivas xerais do alumnado. Adapta os contidos ás súas necesidades e da sempre espazo ás súas inquedanzas. Está formulado de tal xeito para ter continuidade nos centros ao longo do tempo.
Obxectivos xerais
? Promover a educación sexual integral nos centros educativos e no eido familiar.
? Previr a violencia de xénero, o machismo e as condutas violentas e, en concreto, as violencias sexuais.
? Favorecer o coñecemento, a aceptación e a expresión satisfactoria das sexualidades.
? Proporcionar coñecementos sobre os dereitos sexuais e fomentar o seu cumprimento.
? Xerar pensamento crítico e reflexionar conxuntamente sobre as sexualidades e os mitos que se transmiten o seu redor.
? Concienciar sobre a influencia do contido audiovisual e das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) nas sexualidades.
Persoas destinatarias
Todo o alumnado de 6º de Educación Primaria (preto de 200 alunmxs) dos CEIP Xesús Golmar e CEIP Manuel Rivero de Lalín, CEIP Xoaquín Loriga de Prado, CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe e CEIP Varela Buxán de Cercio.
Recursos humanos
Trátase dunha actividade da Concellería de Igualdade, coordinada pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín, impartida por profesionais do centro de sexoloxía Con mucho gusto! (Martina González Veiga e Noelia Moreau Castro) e financiada con cargo aos fondos recibidos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.