- A concelleira de Cultura explica que se incorporan 130 novidades editoriais en galego así como 169 exemplares de distintas temáticas dando resposta ás desideratas recibidas dos socios lectores da “Varela Jácome”
A Biblioteca Municipal “Varela Jácome” vén de incorporar un total de 299 exemplares á súa colección, todos eles libros que estarán a disposición do público e que se adquiriron ao abeiro de dúas subvencións recibidas da Consellería de Cultura. Así o sinala a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que precisa que “no marco da subvención do programa para a adquisición de novidades en galego contamos con 130 novos libros, aos que se suman outros 169 con cargo á axuda recibida ao abeiro do programa mellora das coleccións”.
Blanco precisa que “por unha parte incorpóranse as últimas novidades na nosa lingua (novidades en poesía, teatro, novela, libros infantís e xuvenís...) e por outra aproveitouse para mercar as desideratas que fixeron os socios da biblioteca ao longo do ano (case todas novelas; tamén se mercaron libros de diferentes temáticas que adoitan ser os máis lidos: infantís, xuvenís, informática, autoaxuda, alimentación, LGBTI, enfermidades, etc”.
O importe das subvencións recibidas pola biblioteca municipal de Lalín foron:
- 2.066,11 € no programa A (novidades en galego)
- 3.171,24 € no programa B (mellora das coleccións)