- A concelleira de Cultura remarca que “esta ampliación excepcional de horario, coa que damos resposta a unha petición dos usuarios da biblioteca, é posible grazas ás novas incorporacións de traballadores municipais”
- Desde o 22 de xuño a biblioteca volverá ao seu horario habitual
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, comunica a decisión de goberno “de ampliar de forma excepcional o horario da biblioteca municipal durante as vindeiras tres semanas, desde o sábado 1 de xuño ata o próximo venres 21 de xuño, ambos inclusive, por mor da celebración nestas datas de exames finais de curso a fin de facilitar o estudo e tamén a preparación de procesos selectivos de distintas administracións que están próximos, dando así resposta a unha petición dos usuarios da biblioteca”.
“Unha ampliación temporal de horario que é posible grazas ás novas incorporacións de traballadores municipais”, remarca Blanco que informa que “durante entre o 1 e o 21 de xuño a biblioteca abrirá de luns a domingo, de 9 da mañá a 21 h de xeito ininterrompido, o que suporá ampliar o horario habitual estando aberta o sábado pola tarde e todo o domingo”. “Desde o sábado 22 de xuño a biblioteca volverá ao seu horario habitual”, sinala.