Nelas participaron arredor de 200 persoas que manifestaron o seu desexo de continuidade de cara ao próximo curso
Carmen Canda remarca a importancia de fomentar as aprendizaxes nas aulas e o envellecemento activo da poboación lalinense.
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, anuncia a fin das actividades impartidas por Ategal: pintura ao óleo, acuarela, historia da arte e saídas culturais -sendo a última a Padrón o pasado 23 de maio-, manexo de smartphone e informática, estimulación cognitiva e inglés. A
As clases de pintura ao óleo e acuarela tiveron lugar todos os martes de 10:00 a 11:30 e de 11:45 a 13:15, respectivamente no Espazo Xove de Lalín -Casa da Xuventude-; historia da arte no Lalín Arena os martes de 17:30 a 19:00; manexo de smartphone e informática, diferenciado en dúas modalidades. todos os mércores de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30, respectivamente, na Aula Cemit do Auditorio de Lalín; estimulación cognitiva con dous grupos todos os xoves de 16:00 a 17:30 e de 17:30 a 19:00 e inglés con dous grupos os venres no Espazo Xove de Lalín -Casa da Xuventude- 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30.
Estas actividades responden ás inquedanzas e necesidades actuais dunha xeración de persoas de 55 anos ou máis con ideas, experiencias, cultura e estilos de vida dinámicos e variados. Neste sentido a responsable municipal fai fincapé na importancia que ten fomentar as aprendizaxes nas aulas e o envellecemento activo da poboación lalinense.
As aulas pretenden contribuír a manter a autonomía e independencia das persoas máis maiores mediante distintas propostas e actividades, crear un espazo ocupacional tras a xubilación no que desenvolverse integramente como persoas e manter un acercamento cos ámbitos da actualidade. Durante o curso participaron nas actividades arredor de 200 persoas do Concello de Lalín, que manifestaron o seu desexo de continuidade de cara ao próximo curso.
Para conmemorar a celebración do peche do curso das actividades de Ategal, inaugurarase o vindeiro luns día 3 de xuño ás 18:00 no Auditorio de Lalín, unha exposición de obras artísticas do alumnado participantes nos talleres de pintura ao óleo e acuarela. O acto ao que asistirá o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estará amenizado pola Coral de Ategal de Santiago de Compostela e con aperitivos para as persoas asistentes.