- No vindeiro mes tamén se desenvolverán o Trail de Vilatuxe, o Noceda Rock, as distintas celebracións do san Xoán e a Lalín Bike Rice
A Concellería de Cultura dirixida por Begoña Blanco presenta “Benvido xuño”, programa de actividades que se desenvolverán o vindeiro mes en Lalín e que dará comezo o propio 1 de xuño co Trail de Vilatuxe e Desafío, que se desenvolverá na praza fluvial “Pozo do Boi”. Esa mesma xornada terá lugar tamén o espectáculo de circo e clown “Circo na casa” de Mere-Clown, que trata a temática da igualdade de xénero e que está dirixido a un público familiar e enmárcase nas actividades sobre dinamización lectora “Ler conta moito en Lalín”. Será ás 19 horas na Praza da Igrexa.
Os días 7 (venres), 8 (sábado) e 9 (domingo) terá lugar a 39ª edición de Feiradeza. Tamén o 9 de xuño desenvolverase o III Festival de Bandas de Muimenta, coa participación da Banda de Bandeira e da Banda Popular de Muimenta (a partir das 18.30 horas no auditorio de Muimenta).
O venres 14 de xuño representarase no Salón Teatro ás 20 horas a obra “As Laranxas” de Amorodio Teatro de Lalín.
O sábado 15 e 16 de xuño celébrase o Noceda Rock na Carballeira de Lamas desta parroquia. Tamén o 15 de xuño, ás 19 horas na Praza da Igrexa, será o momento de “Pinga a Pinga” de Barafunda. É un espectáculo de concienciación onde a rapazada aprenderá dun xeito divertido e entretido como facer bo uso da auga a través do doutor Fauchis coa axuda do pallaso Lolo e por medio de consellos moi doados e sinxelos.
O venres 21 de xuño ás 21 horas terá lugar a representación teatral “Todo incluído” dirixida por Iria Acevedo do grupo afeccionado de Lalín.
O sábado, 22 de xuño, na Praza da Igrexa e ás 19 horas terá lugar o espectáculo “As minas do rei Salomón” de Ghazafelhos. Trátase dunha aventura por África evocando as películas dos anos 30 e 40. Quatermain, un cazador experimentado é contratado por un magnate estadounidense para atopar as lendarias minas do rei Salomón. Viaxes en avións de hélices, loitas con feras, enfrontamentos con caníbales. Unha divertida aventura por África cunha escenografía chea de sorpresas.
Tamén durante o vindeiro mes sucederanse as distintas celebracións do san Xoán tanto no casco como nas parroquias.
Cara finais de mes terá lugar outra das probas deportivas consolidadas no noso municipio como é a Lalín Bike Rice: o domingo 23 de xuño.
O sábado 29 de xuño terá unha dobre cita cunha actividade infantil e cun festival de banda. Así ás 19 horas na Praza da Igrexa terá lugar o espectáculo “Hocus Pocus” do Mago Paco que ofrece un espectáculo de maxia infantil cheo de risas, cor e sorpresas. Pon en escena elementos visuais e moi chamativos que provocan unha dinámica constante enriba do escenario. Enmárcase no programa “Como na casa”.
Tamén o sábado 29 ás 19.30 horas desenvolverase o Festival de fin de curso da Escola da Banda de Música de Vilatuxe, no Auditorio de Vilatuxe.
Hoxe, actividade de dinamización lectora
Por outra parte, hoxe, mércores 29 de maio, continúa o programa de dinamización lectora “Ler conta moito en Lalín”, sinala a concelleira de Cultura. Trátase da actividade “Güe-Güe”, actividade de artes escénicas (monicreques) dirixidas aos nenos/as de máis de 1 ano. Ten unha duración de 45 min.
Con este programa de dinamización lectora que se estenderá ata finais de outubro trátase de promover a lectura a través dun conxunto de seis actividades sobre dinamización lectora a desenvolver na Biblioteca Municipal.