-
As subvencións poderanas pedir bandas de música, grupos de gaitas e charangas desde o 29 de maio ata o vindeiro 17 de xuño
Desde mañá, 29 de maio, e por prazo de vinte días naturais, é dicir, ata o próximo 17 de xuño, incluído, pódense solicitar as axudas do Concello de Lalín para a celebración de festas parroquiais neste ano 2024 ás que se destinan un montante de 5.000 euros.
Poden ser obxecto de subvención as actuacións das bandas de música, grupos de gaitas e charangas constituídos no termo municipal de Lalín que teñan lugar con motivo da celebración de festas das distintas parroquias do Concello. Non poderán ser obxecto de axuda na presente convocatoria as actividades subvencionadas ou financiadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias ou convenios asinados no Concello de Lalín.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas subvencións as entidades, con ou sen personalidade xurídica, públicas ou privadas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
-Comisións de Festas constituídas ao efecto. Deberán estar formadas por un mínimo de tres membros e nomear a un representante, que será o que actúe en nome da Comisión de Festas no procedemento. Os membros da Comisión responderán diante do Concello de forma solidaria e todos eles deberán cumprir os requisitos necesarios para ser beneficiarios da subvención.
-No caso de asociación, deberán estar legalmente constituídas.
-As asociacións deberán ter o seu domicilio social en Lalín e estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociación na data de publicación das presentes bases no BOPPO.
-Carecer de fins de lucro.
-Desenvolver as súas actividades total ou parcialmente no Concello de Lalín.
-Estar ao corrente das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello de Lalín.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente nos modelos normalizados establecidos ao efecto que estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello https://lalin.sedelectronica.gal e na páxina web do Concello www.lalin.gal.
O importe das axudas será unha contía fixa por actuación solicitada. Así para as bandas cun mínimo de 60 músicos a axuda será de 500 euros; para as cun mínimo de 40 músicos de 300 euros e para as que teñan un mínimo de 30 músico, 300 euros. A contía da axuda no caso da actuación dunha charanga será de 300 euros e para un grupo de gaiteiros será de 150 euros.