- O 79% das persoas demandantes de emprego asistiron á cita do servizo de orientación laboral
- No actual exercicio, que comezou a finais de outubro, atendéronse a 227 persoas prestando información e orientación dentro do seu proceso de busca de emprego
- Este ano o servizo incorporou unha nova ferramenta, denominada EMi, que permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e a analítica avanzada
- O servizo conta con perfil e páxina de Facebook propios onde se publican as ofertas de emprego, información sobre axudas, orientación xeral na busca de emprego,... e ademais tamén se publica semanalmente un boletín propio de ofertas de emprego da comarca e de empresas de concellos limítrofes que contactan con este servizo. No actual exercicio realizáronse 29 boletíns cun total de 471 ofertas
O Concello de Lalín mantén activo desde hai tres anos o servizo de orientación laboral dentro da Concellería de Emprego para axudar ás persoas demandantes de emprego da nosa comarca, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Así o explica a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que remarca que “este tipo de iniciativas son fundamentais para mellorar as posibilidades de ocupación, promover a empregabilidade no noso territorio e axudar a identificar as habilidades, intereses e obxectivos profesionais das persoas demandantes de emprego, axudándolles a desenvolver estratexias efectivas para alcanzalos”.
Canda subliña que “entre as funcións que realiza este servizo de orientación laboral atópanse a realización de avaliacións de competencias, habilidades e aptitudes das persoas usuarias para orientalas cara ás ocupacións máis axeitadas; o asesoramento ás persoas na elaboración do seu currículo e na preparación de entrevistas de traballo; a posta a disposición de información sobre o mercado laboral, as ofertas de emprego e as oportunidades de formación; o desenvolvemento de programas de orientación laboral individualizada e personalizada e a colaboración con empresas e entidades para establecer vías de inserción laboral para as persoas demandantes de emprego”.
Fai fincapé en que “este servizo xoga un papel clave na inserción laboral e no desenvolvemento profesional das persoas, contribuíndo a mellorar a súa empregabilidade e a súa calidade de vida”. “Este servizo ten como función servir para axudarlles a atopar o camiño que mellor se adapte ás súas habilidades e necesidades e que poidan enfrontarse ao mercado laboral dunha maneira efectiva e exitosa”, indica.
A responsable municipal sinala que “as actividades que realizamos inclúen a realización dunha entrevista personalizada de diagnóstico e elaboración do perfil, para o que este ano comezamos a traballar coa nova ferramenta EMi, un software que permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada”.
“Así mesmo tamén realizamos un seguimento e avaliación do proceso de orientación laboral, así como a detección de posibles áreas de mellora e adaptación das actuacións; colaboramos coas empresas e entidades empregadoras para facilitar a inserción laboral das persoas orientadas; promocionamos a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego e á formación e fomentamos a cooperación e colaboración entre os diferentes axentes do sistema de emprego e formación, tanto a nivel local como autonómico e participamos en redes para intercambiar información a nivel nacional e así mellorar a inserción das persoas demandantes”, afirma.
Deste xeito a concelleira de Emprego destaca que “desde que comezou este novo servizo, hai tres anos, ata hoxe, un total de 2.747 persoas demandantes foron citadas ou direccionadas por parte da oficina de emprego, das que o 79,06% asistiron á cita de atención persoal, vía telefónica ou presencial; as restantes non acudiron por estar traballando ou ben por non darse localizado”.
Presenza en redes
Beatriz Canda tamén subliña que “con autorización previa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración creouse un perfil e unha páxina de Facebook do servizo de orientación laboral onde se publican ofertas de emprego, información sobre axudas, orientación xeral na busca de emprego, boletíns de ofertas de traballo doutras entidades... e ademais publícase semanalmente o noso propio boletín de ofertas de emprego -da comarca e de empresas de concellos limítrofes que contactan co noso servizo-”. “Así neste exercicio que comezou a finais de outubro de 2023 realizáronse 29 boletíns cun total de 471 ofertas”, concreta.
“A maiores, este servizo atende a toda persoa demandante que entra pola porta de xeito libre e colabora co departamento municipal de Política Social e tamén co CIM”, puntualiza. “En total atendéronse neste exercicio actual a 227 persoas prestando información e asesoramento dentro do seu proceso de busca de emprego”, conclúe.
Enlace perfil: https://www.facebook.com/profile.php?id=100075826926894
Enlace páxina: https://www.facebook.com/profile.php?id=100075794844070