- A presentación de solicitudes deberá facerse de xeito telemático ata o vindeiro 13 de xuño
As axudas do Concello de Lalín para a realización de actividades culturais para este ano 2024, cuxo extracto de bases sae hoxe publicado no BOPPO, ábrense mañá por espazo de vinte días naturais, isto é, pódense solicitar ata o 13 de xuño. Así o sinala a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que remarca que estas axudas ás que o goberno lalinense destina un total de 10.000 euros, teñen como fin regular a concesión de subvencións, en concorrencia competitiva, destinadas a financiar programas e actividades de carácter cultural promovidas por asociacións e centros públicos de ensino que se realicen entre o 1 de decembro de 2023 e o 29 de novembro de 2024.
De acordo ás bases, poderán ser obxecto de subvención a realización de programas ou actividades culturais de carácter puntual ou permanente que, no ámbito da cultura, promovan asociacións culturais, asociacións veciñais ou colectivos sen ánimo de lucro, consideradas de interese sociocultural para o Concello e que estean dirixidas a toda a poboación en xeral.
Serán subvencionables todas aquelas actividades/programas englobados dentro de calquera das seguintes vertentes: viaxes culturais, música, danza, literatura, audiovisuais, pintura, homenaxes, encontros, exposicións, obradoiros, conferencias, xornadas e en xeral, calquera actividade que teña como fin a promoción e divulgación dos valores culturais así como as actividades dirixidas á realización de festas de carácter etnográfico e de valor histórico-cultural.
Así mesmo cómpre indicar que quedan excluídas desta convocatoria as seguintes actividades: as subvencionadas ou financiadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias ou convenios asinados co Concello; as organizadas por asociacións de mulleres, bandas de música e clubs deportivos, por contar con convocatorias específicas; as que non se axusten nas actividades descritas no apartado anterior; aquelas polas que sexa preciso pagar unha taxa ou prezo municipal; os gastos derivados da organización de xantares ou outros asimilables así como os eventos gastronómicos ou de exaltación de produtos culinarios; as publicacións promovidas por particulares; as xornadas, encontros, conferencias ou obradoiros que non teñan un carácter de acceso público; as que atenten contra os valores universais e aquelas actividades cun ámbito de actuación sectorial e que non sexan relevantes a nivel do Concello.
Poden solicitar as subvencións persoas xurídicas e agrupacións de persoas físicas ou xurídicas ou privadas, sempre que cumpran os requisitos na data de publicación das bases no BOPPO de ser entidades legalmente constituídas que teñen o seu domicilio social en Lalín e estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións; carecer de fins de lucro; desenvolver as súas actividades total ou parcialmente no termo municipal do Concello de Lalín; non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello e estar ao corrente das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello.
Así mesmo poderán solicitar subvención ao abeiro destas bases os centros públicos de ensino lalinenses, aquelas entidades ou asociacións que desenvolvan accións de carácter formativo para persoas con necesidades especiais e as Anpas dos centros públicos de ensino e conservatorios de titularidade pública do Concello.
Só se poderá presentar unha única solicitude por asociación, centro de ensino ou Anpa e o importe máximo solicitado por cada un non excederá os 1.500 euros. O importe da subvención concedida non poderá tampouco superar o 80% do orzamento total de gasto presentado.
As solicitudes e demais documentación presentaranse exclusivamente e de xeito obrigatorio nos modelos normalizados establecidos ao efecto que estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello, https://lalin.sedelectronica.gal e na páxina web municipal, www.lalin.gal, e as solicitudes deberán ser presentadas tamén por medios telemáticos.