PRESENTACIÓN DOCUMENTAL
‘GALICIA: UN MARCO XURÍDICO PROPIO’
O venres 24 ás 19:30 h., no Edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero de Lalín,
terá lugar a presentación do documental ‘GALICIA: UN MARCO XURÍDICO PROPIO’ de
María José Bravo Bosch, Catedrática e Secretaria xeral da Universidade de Vigo. O
documental está financiado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional, a través do Convenio I+D+i coa Universidade de
Vigo. Na presentación intervirán o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e
Formación Profesional, Román Rodríguez González e o Rector da Universidade de Vigo,
Manuel Joaquín Reigosa Roger.
‘GALICIA: UN MARCO XURÍDICO PROPIO’ narra as diferentes figuras xurídicas
propias de Galicia, nalgúns casos exclusivas, algunhas delas moi lonxevas que serviron
ao longo dos anos para resolver conflitos e ordear o territorio en base ás súas
necesidades e composición social. Na actualidade, estas figuras ou institucións seguen
a empregarse adaptándose aos nosos tempos. O documental céntrase en figuras como
os ‘Muíños de Herdeiros’, a ‘servidume de paso’, as ‘serventías’, a ‘herdanza en vida’ ou
as ‘comunidades de montes’.
O proxecto, cun enfoque ameno e dinámico na súa realización e montaxe, utiliza
tanto recreacións ficcionadas como entrevistas a expertos, na procura de amosar ao
espectador o significado e singularidade destas figuras que conforman o marco xurídico
propio de Galicia. O obxetivo non é só educar sobre estas particularidades xurídicas,
senón tamén destacar a súa importancia e vixencia na sociedade galega
contemporánea.
O VINDEIRO VENRES PRESÉNTASE O DOCUMENTAL ‘GALICIA: UN MARCO XURÍDICO PROPIO
Galería imaxes