- Para concretar as visitas deberase chamar previamente ao teléfono 986 78 40 04 ao longo desta semana
Onte tivo lugar a primeira das visitas concertadas por parte de centros educativos ao Museo Municipal con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos que este ano se celebra baixo o lema “Museos pola educación e investigación”. Foi a dun grupo de 43 alumnos/as e 2 profesoras de 3º e 4º de Educación Primaria do Colexio Scientia Lalín. Nesta ocasión tiveron ocasión ademais de visitar as exposicións presentes no Museo tamén de departir co autor dunha delas, Acisclo Manzano.
Desde o Concello de Lalín anímase a todos os centros educativos de Lalín e da Comarca de Deza a que nesta semana concerten visitas ao Museo Municipal Ramón María Aller nas que se falará da importancia dos/as alumnos/as como futuros promotores da arte e a ciencia nas institucións culturais coñecendo a pintores, escultores e científicos de Deza. Para concretar as visitas deberase chamar previamente ao teléfono 986 78 40 04.
Os centros educativos que teñen solicitado realizar visitas (ademais do grupo de hoxe) ao Museo Municipal con motivo do Día Internacional dos Museos son:
- CEIP Xesús Golmar: martes 21 ás 12 h. Grupo de 27 alumnos/as e 1 profesora.
- Colexio Scientia Lalín:
- 21 de maio: 13 h, 5º e 6º de Educación Primaria. 49 alumnos/as e 2 profesores.
- 24 de maio: 11.15 h, 1º e 2º de Educación Primaria. 50 alumnos e 2 profesores
Nestes momentos o Museo Municipal alberga a exposición “Camiñantes pola Vía da Prata a Santiago de Compostela” de Acisclo Manzano en dúas das salas, así como a colección permanente de pintura do artista José Otero Abeledo “Laxeiro”, que inclúe tamén varias vitrinas con multitude de manuscritos do científico Ramón Mª Aller Ulloa e cartas do pintor Laxeiro ao científico Vidal Abascal.