- Nápoli reuniuse con Begoña Blanco e Paz Pérez así como con representantes do CMUS Lalín para ver propostas específicas de colaboración. Entre as posibilidades que barallan: realización de vídeo streaming de concertos, clases e encontros virtuais así como actividades de diversos tipo como intercambio de información patrimonial, artística, musical, da historia de ambas localidades, etc.
O Concello de Lalín e a Municipalidade de Chascomús reforzarán os lazos do irmanamento entre as dúas localidades nun marco de colaboración para o que se desenvolverán reunións entre ambas partes que sirvan para concretar un cronograma de actividades anual. Así o acordaron onte nas reunións mantidas por parte secretario de Desenvolvemento Turístico, Produtivo e Cultural de Chascomús, Pablo Nápoli, coas representantes municipais.
Así, na mañá de onte desenvolveuse unha xuntanza de traballo entre a concelleira de Educación, Cultura, Turismo e Política Lingüística, Begoña Blanco, con Nápoli para propiciar accións que manteñan aínda máis vivo este irmanamento, buscando afianzar a relación fraternal entre institucións e veciños de ambos países. É así que, como medida inicial, estableceuse o desenvolvemento dun marco de colaboración onde ambas partes acordaron a celebración de reunións para concretar un programa de actividades anual. Neste sentido abordáronse como propostas específicas as posibilidades de realizar vídeo streaming de concertos, clases e encontros virtuais, así como actividades de diversos tipo como intercambio de información patrimonial, artística, musical, da historia de ambas localidades, etc.
Pola tarde, estas propostas xa se trataron de maneira máis en detalle nunha reunión celebrada na tarde no Conservatorio Profesional de Música de Lalín onde tamén participaron a tenente alcalde, Paz Pérez; o director do Conservatorio, José Luis Taboada Areán e o compositor José Bugallo Senra. Houbo intercambio de materiais de ambas partes no referido á historia, á gastronomía e á oferta turística lalinense así como unha composición de autoría de José Bugallo.
Pola súa parte, Chascomús achegou o libro da musicóloga Valeria Atela e dous volumes de partituras de compositores bonaerenses que foi editado pola Dirección Xeral de Cultura e Educación da provincia de Bos Aires, coa participación de compositores de Chascomús.