O Concello de Lalín prosegue a súa programación dedicadas ás Letras
Esta mostra pódese ver na Biblioteca durante o mes de maio ao igual que outra monográfica de libros dedicados á autora das Letras 2024
O 17 de Maio terá lugar ás 18.30 horas un pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Carballo da Manteiga
Tras o fermoso Concerto das Letras Galegas de María do Ceo na tarde de onte, o Concello de Lalín continúa coa programación de “Maio, o Mes das nosas Letras” nesta semana na que se celebra o propio Día das Letras dedicado nesta edición a Luísa Villalta, cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento.
Así, o vindeiro mércores, 15 de maio, terá lugar o obradoiro creativo e contacontos para nenos/as de 6 a 10 anos “O lapis que non quería ir á escola”. Unha actividade de dinamización lectora coa que as crianzas descubrirán as múltiples variedades que teñen os contos. Será ás 18 horas na planta baixa da Biblioteca Municipal.
O Día das Letras, 17 de Maio, terá lugar ás 18.30 horas un pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Carballo da Manteiga. Tamén se poderá ver durante maio na Biblioteca Municipal a exposición gráfica Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta cedida ao Concello pola Xunta, ademais doutra mostra monográfica de libros dedicados á autora coruñesa.
A exposición Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta destaca polo seu carácter innovador ao amosar á protagonista das Letras Galegas como un avatar que combina a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual que se se dispoñen de imaxes, recursos e actividades interactivas.
O sábado 18 de maio está prevista a celebración dun obradoiro de construción de pandeiretas con chapas recicladas guiado polo artesán Sanín. Desenvolverase de 16 a 20 horas no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero.
A Banda de Música de Vilatuxe ofrecerá o Concerto das Letras Galegas que terá lugar o domingo 19, ás 12 horas, no KM0. En caso de chuvia será no Auditorio de Vilatuxe.
O venres 24 de maio representarase “Bailador” de Óscar Cobos Compañía de Danza. Ás 21 horas na Praza da Igrexa con entrada gratuíta. É unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto, una obra coreográfica que rende unha profunda homenaxe á nosa danza de raíz e a un grupo que transformou o modo de entender e interpretar a música tradicional. A peza é unha mostra de admiración e agradecemento a todas as mulleres que transmitiron o noso baile de raíz.
O mércores 29 de maio terá lugar “Güe-Güe”, actividade de artes escénicas (monicreques) e de dinamización lectora dirixida a un público familiar. Será ás 21 horas na Praza da Igrexa.
Cómpre indicar que tamén ata o 30 de xuño se poderá ver a exposición “Camiñantes pola Vía da Prata a Santiago de Compostela” de Acisclo Manzano no Museo Municipal.