- Aberto o prazo de inscrición na biblioteca para anotarse no club de lectura para persoas adultas en Lalín que dará comezo en canto se dispoña dun grupo de 20. Máis información biblioteca@lalin.gal ou 986 78 38 76
Animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas e que faciliten o achegamento da veciñanza á biblioteca municipal. Este é o obxectivo do programa “Ler conta moito en Lalín”, promovido por Xunta e Concello, que inclúe un conxunto de seis actividades sobre dinamización lectora a desenvolver na Biblioteca Municipal “Varela Jácome” desde maio a outubro. Todas son ás 18 horas na planta baixa da biblioteca.
Así o sinala a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que remarca que “Ler conta moito trata de achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente, ao tempo que se reforza o carácter das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo e facilitador da aprendizaxe permanente”.
“Ler conta moito en Lalín” dará comezo o mércores, 15 de maio, coa actividade “O lapis que non quería ir á escola”, un obradoiro creativo e contacontos para nenos/as de 6 a 10 anos e cunha duración de 60 min. As crianzas descubrirán as múltiples variedades que teñen os contos.
O mércores 29 de maio terá lugar “Güe-Güe”, actividade de artes escénicas (monicreques) dirixidas aos nenos/as de máis de 1 ano. Ten unha duración de 45 min.
En setembro desenvolveranse dúas sesións de dinamización lectora: o mércores, 11 de setembro e o mércores 25 de setembro. Na primeira data haberá unha sesión de narración oral a cargo de “Unha tarde especial con Dori” dirixidos a bebés (0 a 3 anos) cunha duración de 35 minutos. O 25 de setembro terá lugar “Onde viven os monstros”, narración oral de nenos e nenas de 3 a 11 anos cunha duración de 50 minutos.
O 9 de outubro representarase “Xela, a superheroína de aldea” para nenos/as de 4 a 9 anos e 45 minutos de duración. É un conto sobre a natureza que pon en valor os recursos autóctonos.
“Os contos do avó, mulleres galegas” pechará o 23 de outubro este ciclo de actividades de dinamización lectora. Trátase dunha narración oral para nenos e nenas de 3 a 12 anos e 40 minutos de duración que trata sobre a igualdade e a violencia de xénero.
Club lectura para persoas adultas
Por outra parte, a Concellería de Cultura vén de abrir o prazo de inscrición para que as persoas adultas interesadas en formar parte dun club de lectura se anoten na biblioteca. Un club de lectura que se dará comezo en canto se dispoña dun grupo de 20 persoas. Para máis información: 986 78 38 76 e biblioteca@lalin.gal