- O alumnado da especialidade de atención sociosanitaria está centrado na súa preparación principalmente práctica para que estea totalmente formado cando a mediados de xuño comecen os seus diferentes traballos en domicilios, centros sociais e residencias lalinenses
O obradoiro de emprego “Lalín Verde”, coas súas dúas especialidades, atención sociosanitaria e xardinería, deu comezo no mes de decembro. Beatriz Canda Rodríguez, concelleira de Emprego, explica que “as principais actuacións realizadas por parte da sección de xardinería durante o mes de abril estiveron centradas en tres actuacións diferentes: os nós de entrada ao Polígono Lalín 2000, o paseo do Pontiñas e a zona do Auditorio”.
Canda sinala que “en canto aos nós á entrada do Polígono realizou o desbroce completo deste espazo, a poda dos diferentes arbustos e árbores que os forman, ademais de plantar case 100 buxos para repoñer os que estaban en mal estado na figura co nome de Lalín”. Así mesmo anuncia que “durante o mes de maio plantaranse máis de 500 petunias brancas que reforzarán a visibilidade destas letras”.
De igual modo subliña a concelleira que “volveuse actuar en todo paseo do Pontiñas, xa que as condicións climáticas fixeron medrar moi rapidamente a herba; esta segunda volta de desbroce do paseo do Pontiñas estímase que poida estar finalizada antes de que remate este mes”. “Tamén se realizou a limpeza e levouse a cabo o pintado dos diferentes carteis informativos que existen por todo o percorrido”, puntualiza.
“Na terceira zona de actuación, no Auditorio, tamén se comezaron os traballos de plantación de arbustos e flores e algunhas podas de arbustos”. “As actuacións nesta zona está previsto rematalas a mediados de maio”, indica.
Beatriz Canda afirma que “a sección sociosanitaria do obradoiro está centrada na súa preparación, principalmente práctica, para que o alumnado estea totalmente formado para mediados de xuño, que é cando vai comezar os seus diferentes traballos en domicilios, centros sociais e residencias lalinenses”. “Durante este período volveuse visitar a residencia DomusVi de Lalín onde os/as alumnos/as realizaron xincanas físico-cognitivas coas persoas usuarias da residencia”, conclúe.