- Aberta á participación da veciñanza desenvolverase o 30 de abril ás 20 horas no edificio sociocultural da rúa do Manuel Rivero
- Está previsto que esta charla poida ter continuidade en diferentes puntos do rural, unha formación que poderá abranguer a maiores módulos específicos que poidan resultar de interese para a veciñanza
No marco do plan municipal de loita contra a vespa velutina que coordinan os concelleiros de Seguridade Cidadá e encargado de Protección Civil, Pablo Areán, e de Agricultura, Marcos Mariño, ademais da distribución de trampas, tamén se van desenvolver unha serie de charlas sobre autoprotección, a prevención e a xestión de accidentes no fogar e onde haberá un módulo específico sobre medidas preventivas contra a vespa velutina.
Areán explica que “a primeira das charlas será o martes 30 de abril ás 20 horas no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, coincidindo co inicio da campaña de trampeo das velutinas”. Serán abertas e anímase á veciñanza á participar.
Sinala o edil que “se aproveitará para explicar o procedemento e o criterio que se seguirá para a distribución e colocación das 284 trampas que a Xunta nos proporcionou a través do programa piloto que este ano se pon en funcionamento”. “A charla será impartida por persoal de Emerxencias Lalín e ao seu remate facilitarase unha enquisa a modo de autoavaliación rápida, que permitirá establecer o grao de seguridade co que conta o fogar de cada unha das persoas asistentes á charla”, precisa.
Areán explica que “está previsto que en próximas datas esta charla poida ter continuidade en diferentes puntos do rural, unha formación que poderá abranguer incluso a realización dalgún módulo específico a maiores que poidan resultar de interese para a veciñanza”.
Cómpre recordar que o Concello de Lalín vén de formalizar a adhesión ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Fegamp. No marco dese convenio estanse a distribuír 284 trampas recibidas de Seaga e que forman parte do programa piloto de trampeo da vespa velutina que este ano, como novidade, pon en funcionamento a Xunta. A distribución non se realiza de forma aleatoria, senón que atendendo ao plan da Xunta colocaranse en cada lugar un número determinado de trampas.